
- Covadonga Toca, directora do Igape, participou nun encontro de traballo coas startups que forman parte da sexta convocatoria do programa Business Factory Aero (BFAero)
- Trasladoulles as vantaxes da Oficina Económica de Galicia e as principais liñas de axudas activadas este ano polo Igape, entre elas os programas dirixidos a startups
- Desde que se puxo en marcha en 2018, BFAero apoiou 46 proxectos, impulsou 11 tecnolóxicas, mobilizou máis de 7,5 millóns en investimento e facilitou a creación de máis de 220 empregos cualificados
A directora do Igape, Covadonga Toca, participou nun encontro de traballo coas startups seleccionadas na sexta edición da Business Factory Aero (BFAero), o programa impulsado pola Xunta de Galicia para apoiar o emprendemento no sector aeroespacial, aeronáutico e de vehículos non tripulados. Na reunión, celebrada na Cidade da Cultura, participaron tamén representantes de empresas tractoras e de entidades colaboradoras do ecosistema aeroespacial galego. O obxectivo do encontro foi establecer un diálogo directo entre a Administración e os proxectos incubados e acelerados, co fin de detectar as súas necesidades máis urxentes e de abrir novas vías de colaboración.
Durante a súa intervención, Covadonga Toca presentou os servizos da Oficina Económica de Galicia, un punto de contacto áxil e personalizado que ofrece atención técnica especializada, apoio operativo e acompañamento estratéxico nunha contorna de proximidade e confianza, especialmente útil para sectores de alta innovación como o aeroespacial.
LIÑAS DE AXUDA ACTIVADAS
Así mesmo, a directora do Igape explicou as principais liñas de axuda activadas este ano polo Igape, destacando os programas dirixidos a startups, os préstamos directos a proxectos estratéxicos, os apoios á transformación dixital ou as novas ferramentas para impulsar a saída ao exterior das empresas galegas.
A xornada concluíu cun espazo de networking no que os representantes das startups, entre elas Kreios Space, Slimop Space, BirdStrikeDrone, Arzeos Aircraft ou Dronomy, puideron compartir en primeira persoa as súas propostas e inquietudes con responsables do Igape e doutros organismos asistentes, como NTT Data, Airbus, Avincis ou a Fundación CEL.
A BFAero ten demostrado nestes anos un forte impacto tanto económico como industrial en Galicia. Desde a súa posta en marcha no ano 2018, apoiou 46 proxectos, contribuíndo á creación de 11 novas empresas tecnolóxicas, mobilizando máis de 7,5 millóns de euros en investimento, e facilitando a creación de máis de 220 empregos cualificados. A sexta edición pechou a convocatoria cun récord de 110 iniciativas inscritas, das que un 57% proceden de emprendedores nacionais e internacionais.
Galicia consolídase así como un dos principais polos de innovación no sector aeroespacial en España, cun ecosistema dinámico que integra máis de 55 entidades públicas e privadas, todas elas unidas para impulsar solucións tecnolóxicas que respondan aos retos da industria e da sociedade.






































