Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

Lorenzana plantexa o relevo xeracional como “política económica de primeiro nivel”, debido ás repercusións que ten perder empresas por falta de continuidade

  • Na clausura do II Congreso Nacional de Relevo Xeracional enxalzou que “cando unha empresa viable desaparece por falta de continuidade non estamos perdendo unicamente un negocio; tamén capacidade produtiva, coñecemento técnico, emprego especializado, provedores e un elo da cadea de valor”
  • A conselleira de Economía e Industria avogou por aproveitar a transmisión empresarial para “facer compañías máis produtivas, máis innovadoras e para competir”
  • No Congreso de Vilargacía de Arousa incidiu en que a sucesión é, ao mesmo tempo, política industrial, de emprego e de cohesión social, e dixo que “transcende o ámbito empresarial para converterse nun auténtico reto de país”

Durante a súa intervención na clausura do II Congreso Nacional de Relevo Xeracional, celebrado en Vilagarcía de Arousa, a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, avogou por abordar o relevo xeracional como “unha política económica de primeiro nivel”, porque “un país avanza cando crea novas empresas e é quen de preservar, modernizar e facer crecer ás que sosteñen a súa capacidade produtiva”. No acto de peche do Congreso expresou que “cando unha empresa viable desaparece por falta de continuidade non estamos perdendo unicamente un negocio, estamos perdendo capacidade produtiva, coñecemento técnico, emprego especializado, provedores de proximidade e un elo da cadea de valor”, abondou.

Lorenzana incidiu en que o relevo xeracional é, ao mesmo tempo, política industrial, de emprego e de cohesión social. Unha cuestión que “transcende o ámbito empresarial para converterse nun auténtico reto de país -afirmou-, que non se sostén unicamente de proxectos tractores”. Terá unha base económica sólida, proseguiu, “se ten unha actividade empresarial consolidada tanto de grandes empresas como de pemes, micropemes e autónomos”.

A conselleira de Economía e Industria avogou por aproveitar a transmisión empresarial para “facer compañías máis produtivas, máis innovadoras e para competir”. “É un dos retos, pero, tamén, unha das oportunidades que ofrece o releo xeracional”, especialmente para gañar en tamaño empresarial, matizou. Nese sentido, Lorenzana volveu insistir no papel clave que xoga a formación, e asegurou que a Xunta de Galicia vai seguir acompañando este proceso con instrumentos útiles, facilitando a transmisión empresarial, conectando talento con oportunidades reais de continuidade e axudando a modernizar aquelas empresas que xa teñen unha base sólida sobre a que crecer.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia