Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

Covadonga Toca: “As liñas do Igape, que suman máis de 282 millóns de euros en 2026, configuran un ecosistema integral de apoio ás empresas en todas as fases”

  • A directora do Instituto Galego de Promoción Económica incidiu, na xornada sobre financiamento organizada por Galicia Foro Empresarial, na importancia da toma de decisións financeiras “informadas, planificadas e aliñadas coa estratexia empresarial”
  • Expuxo o conxunto de instrumentos postos en marcha para facilitar o acceso ao financiamento, impulsar a innovación e reforzar a internacionalización, con programas que abarcan desde préstamos directos e acceso ao crédito ata axudas á descarbonización, startups e expansión exterior
  • Destacou que as liñas activas en 2026 permiten adaptar o apoio público ás distintas fases de crecemento de cada sociedade, desde o emprendemento ata grandes proxectos industriais, adaptándose ás necesidades reais das empresas

A xornada “Decisiones financieras clave para empresas”, organizada en Vilanova de Arousa por Galicia Foro Empresarial, analizou a importancia das decisións financeiras no sector empresarial. A directora do Igape, Covadonga Toca, referiuse a elas como “elemento determinante para a competitividade e o crecemento do tecido empresarial galego”. Durante a súa intervención na xornada, debullou o conxunto de instrumentos que o Igape ten en marcha en 2026, que suman máis de 282 millóns de euros e que configuran “un ecosistema integral de apoio ás empresas” que permite acompañar os proxectos empresariais en todas as súas fases, desde o acceso ao financiamento ata a innovación, a expansión internacional ou a transición cara modelos máis sostibles.

Neste sentido, destacou especialmente a liña orientada a facilitar o acceso ao crédito das pemes, como o programa de préstamos avalados, con bonificacións tanto no tipo de xuro como nas comisións de aval, que favorecen a capacidade financeira de autónomos e pemes. Xunto a esta ferramenta, a directora do Igape puxo o foco nos préstamos directos, que permiten financiar proxectos empresariais con condicións vantaxosas, unha liña que está deseñada para apoiar desde novos investimentos produtivos ata procesos de concentración empresarial, innovación tecnolóxica ou financiamento operativo, adaptándose ás necesidades reais das empresas.

Outro dos eixos abordados por Covadonga Toca foi o impulso á transición industrial e á sustentabilidade, a través do Fondo de Transición Xusta, que permite apoiar proxectos de descarbonización, renovación industrial e desenvolvemento empresarial en territorios en transformación. Neste ámbito, destacou instrumentos como os préstamos parcialmente reembolsables, que combinan financiamento e subvención directa, favorecendo investimentos produtivos e a creación de emprego.

LIÑAS PARA FOMENTAR A INNOVACIÓN

Así mesmo destacou que en Galicia, ademais da aposta polo financiamento, existe un firme compromiso coa innovación a través de programas como Industria Innova, IA 360 ou Igape Innova, orientados a impulsar o desenvolvemento tecnolóxico, a dixitalización e a incorporación da intelixencia artificial nas empresas galegas. Toca Carús tamén puxo en valor o apoio ao emprendemento innovador e á captación de investimentos, mediante axudas a startups e incentivos destinados a atraer proxectos empresariais a Galicia, favorecendo a creación de emprego e o dinamismo económico. Por último, subliñou a relevancia da internacionalización, con iniciativas como Galicia Exporta Empresas e Foexga, que facilitan a presenza das empresas galegas en mercados exteriores a través de feiras, misións comerciais e accións de promoción.

A directora do Igape concluíu a súa intervención na xornada sobre financiamento empresarial subliñando que “a clave está en tomar decisións financeiras informadas, planificadas e aliñadas coa estratexia empresarial”, destacando que a Consellería de Economía e Industria, a través do Igape, “non só ofrece financiamento, senón acompañamento e asesoramento para que cada empresa atope a mellor solución para o seu proxecto”.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia