Consellería de Economía e Industria
A Xunta enxalza a contribución das empresas de tamaño intermedio como “eixos clave” na economía galega, ao combinar competitividade e arraigo territorial

- Covadonga Toca, directora do Igape, puxo como exemplo compañías galegas que son referentes internacionais en sectores estratéxicos, destacando polo seu impacto en innovación, emprego e atracción de talento
- Defendeu a importancia dun crecemento equilibrado territorialmente, para o que as empresas de tamaño intermedio son clave na fixación de poboación, na xeración de oportunidades e na dinamización económica
- Toca Carús remarcou que a Consellería de Economía e Industria, a través do Igape, ten en marcha unha estratexia integral de apoio ao tecido empresarial, dotada con 282 millóns de euros e volcada en acompañar ás empresas en todas as fases de crecemento
A directora do Igape, Covadonga Toca, clausurou en Santiago de Compostela a xornada “Empresas que transforman territorios: o papel das Empresas de Tamaño Intermedio”, onde puxo en valor o papel estratéxico das denominadas ETI (empresas de tamaño intermedio) como eixo clave para o desenvolvemento económico de Galicia. Durante a súa intervención, sinalou que Galicia conta cun tecido empresarial dinámico e con potencial de crecemento no tamaño das súas empresas, o que permitirá seguir reforzando capacidades fundamentais como a innovación, o acceso a financiamento ou a internacionalización.
Toca Carús fixo fincapé en que as empresas de tamaño intermedio representan unha peza clave neste proceso, ao combinar capacidade de competir a nivel global cun forte arraigo territorial. Neste sentido, puxo como exemplo compañías galegas que xa operan como referentes internacionais en sectores estratéxicos, destacando o seu impacto en innovación, emprego e atracción de talento.
Neste marco, explicou que a Consellería de Economía e Industria, a través do Igape, está a desenvolver unha estratexia integral de apoio ao tecido empresarial, cun volume de recursos que supera os 282 millóns de euros, orientada a acompañar ás empresas en todas as fases do seu crecemento. O paquete de apoios céntrase na innovación e transformación, impulsando a incorporación de tecnoloxías avanzadas, a modernización de procesos e o desenvolvemento de novos produtos, así como no reforzo financeiro, con préstamos orientados ao crecemento empresarial. Ademais, promove a internacionalización, nun contexto de forte dinamismo exportador, e a mellora da competitividade mediante a profesionalización da xestión e a captación de talento.
No acto de clausura da xornada, a directora do Igape puxo en valor a importancia dun crecemento equilibrado territorialmente, subliñando o papel das ETI na fixación de poboación, a xeración de oportunidades e a dinamización económica de Galicia. Neste contexto, destacou a aposta por promover novos proxectos industriais con impacto no territorio, así como o papel da Oficina Económica de Galicia como instrumento clave para apoiar o crecemento empresarial e axilizar investimentos.

























