Consellería de Economía e Industria
Os encontros con directivos da compañía Citic e con autoridades de Zhejiang e de Hangzhou iniciaron a viaxe da delegación galega a China

- A conselleira de Economía e Industria agarda unha segunda fase de implantación do grupo chinés en Galicia, con maior dimensión, innovación e conexión co tecido empresarial galego
- A Xunta ve oportunidades para o investimento en novos materiais e fabricación avanzada, en sectores estratéxicos para Europa como a automoción, baterías, almacenamento enerxético e solucións industriais para a transición verde, e nas infraestruturas loxísticas e industriais vinculadas á área de Vigo
- María Jesús Lorenzana enxalzou ante autoridades provinciais e municipais de Zhejiang e de Hangzhou que Galicia é “un territorio onde as empresas poden investir con confianza e atopar un socio fiable para proxectos de longo percorrido”
- A viaxe da delegación galega ao país asiático terá continuidade desde a segunda xornada coa incorporación do presidente da Xunta, Alfonso Rueda
No inicio dunha viaxe institucional a China, a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, mantivo un encontro con representantes de Citic (China International Trust and Investiment Corporation), un dos maiores conglomerados industriais e financeiros do país asiático, co obxectivo de impulsar novas oportunidades de investimento en Galicia. Na reunión, Lorenzana puxo en valor a relación xa existente con Citic e recordou que “non parte de cero, senón dunha historia industrial de éxito que ten a súa base sólida na área de Vigo, a través de Citic Censa no Porriño”. Por iso engadiu que o obxectivo é “dar un novo salto nesa relación e acompañar a seguinte fase de crecemento de Citic en Galicia”.
A reunión forma parte dunha viaxe institucional a China que continuará mañá coa presenza do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e que se enmarca dentro do Encontro de Empresas Europeas de Fabricación Avanzada que organiza o grupo e o Goberno municipal de Hangzhou. A conselleira estivo acompañada por representantes de empresas galegas que operan no mercado chinés: Conservas Albo, Land Sea (Grupo Pereira), Pérez Torres Marítima, Innolact, Finsa, Trison e Kimake, ademais do clúster do sector metalmecánico, Asime.
Lorenzana constatou o interese do grupo en seguir consolidando e ampliando a súa relación con Galicia a través de futuros investimentos en sectores estratéxicos de interese común. Recoñeceu que a reunión “ten unha ambición moi concreta: identificar como converter unha implantación xa exitosa nunha segunda fase de expansión con maior escala, máis innovación e maior conexión co tecido empresarial galego”, dixo. “Cremos que Citic pode seguir encontrando en Galicia non só unha localización competitiva senón un auténtico socio industrial de longo prazo”.
Ao respecto, destacou que a Xunta ve oportunidades moi concretas para o investimento, en primeiro lugar, en novos materiais e fabricación avanzada, onde Galicia conta con capacidades industriais moi competitivas. En segundo lugar, en sectores estratéxicos para Europa, como a automoción, as baterías, o almacenamento enerxético e as solucións industriais para a transición verde, que son liñas onde Citic pode atopar na Comunidade unha plataforma de expansión extraordinaria, indicou. E, en terceiro lugar, no desenvolvemento de infraestruturas loxísticas e industriais vinculadas á área de Vigo, conectando a base existente no Porriño con novos espazos de crecemento e con acceso directo a cadeas internacionais de subministración. “Todos estes sectores simbolizan unha Galicia moderna, innovadora e global disposta a cooperar con socios estratéxicos como Citic Group en proxectos que unan coñecemento, tecnoloxía e desenvolvemento sustentable”, subliñou.
China xa é o principal socio comercial de Galicia en Asia. En 2025 as exportacións galegas cara a este país superaron os 209 millóns de euros, mentres que as importacións acadaron os 2.141 millóns de euros.

RELACIÓN COA PROVINCIA DE ZHEJIANG E CO MUNICIPIO DE HANGZHOU
Neste primeiro día de viaxe, a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, tamén tivo oportunidade de reunirse con responsables da provincia chinesa de Zhejiang e do Concello de Hangzhou, onde ratificou que “Galicia é un territorio onde as empresas poden investir con confianza e atopar un socio fiable para proxectos de longo percorrido”.
A conselleira de Economía e Industria apuntou que Hangzhou e a provincia de Zhejiang son hoxe unha referencia internacional en ámbitos estratéxicos para o futuro da competitividade global: a automoción intelixente, a mobilidade eléctrica, a dixitalización industrial, a loxística avanzada e a integración entre ecosistema tecnolóxico e capacidade produtiva. Neste contexto, recoñeceu que comparten coa Comunidade galega unha visión de desenvolvemento baseada na sustentabilidade e na innovación. Galicia, dixo, ofrece “un entorno estable, unha Administración próxima e un marco xurídico seguro; por iso, se hoxe estamos aquí non é só para amosar o que Galicia é, senón, sobre todo, para construír novas alianzas de futuro”.

























