Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

O novo Plan Sectorial Eólico de Galicia avanza coas primeiras mesas de traballo entre a Administración, os axentes sociais e as entidades do sector

  • O Goberno galego cumple co compromiso de impulsar un procedemento “transparente, aberto á cidadanía e consensuado”
  • Nas xuntanzas estase a incidir en eixos como as posibilidades de creación dunha industria de compoñentes, a análise das zonas con potencial eólico, a redución dos costes enerxéticos para os consumidores ou a reconversión do sector co foco no mantemento e creación de emprego
  • Para a segunda mesa de traballo, fixada para esta mesma semana, están citadas as entidades máis representativas do sector, como a Asociación Eólica de Galicia, o Colexio de Enxeñeiros Industriais e a Asociación de Produtores e Distribuidores de Enerxía de Galicia (Apyde), entre outros

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, presidiu a primeira das dous mesas de traballo convocadas pola Consellería de Economía e Industria para avanzar no proceso de elaboración do novo Plan sectorial eólico de Galicia (PSEG). Con esta xuntanza, dáse cumprimento ao compromiso adquirido polo Goberno galego de impulsar un procedemento transparente e aberto á cidadanía, no que se dará consulta e audiencia a todos os posibles actores interesados, consensuando os principais puntos que deberá integrar o novo plan a través de senllos encontros cos axentes sociais e coas entidades do sector na Comunidade.

A primeira destas mesas de traballo tivo lugar na sede do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), no marco do comité executivo de enerxía do que forman parte as principais organizacións sindicais e ecoloxistas. Pablo Fernández Vila explicou que na sesión abordáronse os primeiros pasos na preparación do novo PSEG, de maneira que se deu conta dos listados de afeccións ambientais e técnicas e que, xunto coa existencia de recurso eólico, servirán de base para a elaboración do borrador do plan. Neste punto, o director xeral invitou a todos os asistentes a ser partícipes da tramitación e a realizar as achegas pertinentes neste momento inicial.

Como continuación a esta primeira mesa de traballo, o vindeiro 24 de abril está convocada a segunda das mesas de traballo, á que están citadas as entidades máis representativas do sector, como a Asociación Eólica de Galicia, o Colexio de Enxeñeiros Industriais ou a Asociación de Produtores e Distribuidores de Enerxía de Galicia (Apyde), entre outros. En ambos foros traballarase ao redor de varios eixos, entre os que cómpre citar as posibilidades de creación dunha industria de compoñentes, a análise das zonas con potencial eólico, a redución dos costes enerxéticos para os consumidores, ou a reconversión do sector desde o punto de vista do mantemento e creación de postos de traballo, entre outros.

O novo Plan Sectorial Eólico de Galicia (PSEG), en liña coa nova Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia e coas iniciativas incluídas na Lei de medidas, permitirá ao Goberno galego seguir avanzando no despregamento desta fonte de enerxía renovable e abaratar o prezo eléctrico para empresas e consumidores galegos.

MAIOR SEGURIDADE XURÍDICA

A elaboración do novo plan obedece á necesidade de adaptar a realidade galega ás últimas modificacións lexislativas europeas, ao tempo que se dota de seguridade xurídica adicional ao desenvolvemento enerxético na Comunidade. Así mesmo, o futuro PSEG revisará e actualizará as actuais áreas de desenvolvemento enerxético coas áreas de desenvolvemento industrial, atendendo tamén ás zonas de protección ambiental e o desenvolvemento urbanístico. Asemade, o novo PSEG contará, consonte á normativa actual, con avaliación ambiental estratéxica, o que suporá unha maior garantía para a cidadanía e os promotores.

Cómpre lembrar que o vixente Plan Sectorial Eólico de Galicia foi aprobado polo Consello da Xunta de Galicia hai máis de 20 anos -o 5 de decembro de 2002- e, desde entón, a evolución da tecnoloxía eólica foi moi significativa, o que modifica substancialmente o potencial aproveitable en Galicia con respecto ao que se consideraba no momento da súa aprobación.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia