Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

O sector da automoción centrou o comezo da viaxe oficial de Rueda a China, país no que a Xunta explora novas relacións comerciais e económicas

  • O presidente da Xunta e a conselleira de Economía e Industria visitaron un centro de innovación e as factorías de varias empresas de compoñentes e loxística
  • Co obxectivo de atraer novos investimentos á Comunidade, a delegación galega mantivo un encontro co presidente de SAIC Motors, Xiaoqiu Wang, e con cargos directivos da compañía, un xigante automobilístico a nivel mundial e un dos principais fabricantes de China
  • Rueda trasladou aos grupos chineses a experiencia que ten Galicia no sector, así como a posición xeoestratéxica que aporta a gran conectividade a través dos portos
  • A xornada rematou cunha visita ao Beijing Autoshow, considerado como o maior salón mundial do automóbil, ao reunir unha superficie de exposición de 380.000 metros cadrados

Coa visita a diferentes factorías e cun encontro con representantes de SAIC Motors, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, centrou a primeira xornada da súa viaxe oficial a China en reforzar e explorar novas relacións comerciais e económicas co país asiático no sector da automoción. Acompañado da conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, visitou pola mañá un centro de innovación vencellado á automoción así como varias empresas relacionadas coa loxística (Anji) ou os compoñentes (Hasco), todas elas ubicadas na cidade de Shanghái.

Ademais, a delegación galega mantivo en Pekín unha reunión de traballo co presidente de SAIC Motors, Xiaoqiu Wang, e outros cargos directivos da compañía, un xigante automobilístico a nivel mundial e un dos principais fabricantes de China. O obxectivo, tal e como explicou o presidente da Xunta, é explorar novas oportunidades de negocio e atraer “posibilidades e investimentos” a Galicia nun sector no que a Comunidade xa é un referente a nivel europeo e no que conta coa “fábrica de automóbil máis produtiva de España”. A este respecto, Galicia ten 250 empresas vencelladas ao mundo da automoción, un eido que da emprego a 24.000 traballadores e que representa o 15,5 % do PIB autonómico.

Alfonso Rueda trasladou ás compañías chinesas a experiencia que ten Galicia neste eido así como a posición xeográfica estratéxica, que brinda unha gran conectividade a través dos portos. Tamén fixo fincapé na estabilidade política e económica que ofrece a Comunidade e na gran aposta que realiza a Xunta por apoiar e facilitar os investimentos de proxectos estratéxicos en territorio galego.

NO MAIOR ESCAPARATE MUNDIAL DA AUTOMOCIÓN

Nesa mesma xornada, o presidente da Xunta e a conselleira de Economía e Industria visitaron o salón do automóbil Beijing Autoshow, considerado como o maior destas características en todo o mundo, cunha superficie de 380.000 metros cadrados repartidos en dous recintos. O percorrido por esta feira tivo lugar ao remate da xornada que a delegación galega adicou ao puxante sector da automoción.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia