Consellería de Economía e Industria
A Xunta reforza as relacións económicas e empresariais con Tianjin coa participación na `2026 Multinational Enterprises´ organizada polo grupo chinés Citic

- A directora do Igape, Covadonga Toca, e representantes das empresas galegas Citic Censa, Pérez Torres e Kaleido visitaron o porto de Tianjin, un dos principais centros portuarios e loxísticos do país
- Esta xornada da viaxe completouse cunha visita á Binhai New Area, unha das grandes zonas de desenvolvemento industrial e tecnolóxico da cidade portuaria, con forte actividade en automoción, industria aeroespacial, biotecnoloxía, saúde e novas tecnoloxías
A visita da delegación da Xunta ao nordés da China tivo continuidade cun percorrido polo porto de Tianjin, un dos principais centros portuarios e loxísticos do país. Neste acto a directora do Igape, Covadonga Toca, estivo acompañada por representantes das empresas galegas Citic Censa, Pérez Torres e Kaleido, con intereses comerciais no mercado chinés. A visita enmarcouse na axenda institucional e empresarial desenvolvida pola Xunta de Galicia no país asiático para identificar novas oportunidades de negocio e reforzar as relacións económicas entre ambos os territorios.
Esta visita tivo lugar no marco do evento «2026 Multinational Enterprises Visit to Tianjin», organizado por Citic Group, que reuniu a representantes institucionais e empresariais internacionais co obxectivo de dar a coñecer as capacidades industriais, tecnolóxicas e loxísticas de Tianjin e explorar novas oportunidades de colaboración e investimento.
Durante o percorrido, a delegación puido coñecer as instalacións e os plans de expansión do porto de Tianjin, situado entre os cinco primeiros de China en tráfico de contedores e cun papel estratéxico nas conexións comerciais e loxísticas do norte do país, especialmente na área de Beijing. A participación das empresas galegas permitiu coñecer de primeira man as capacidades loxísticas da zona e explorar posibles oportunidades de colaboración, tendo en conta os seus intereses comerciais nun mercado de gran relevancia internacional.
VISITA Á BINHAI NEW AREA
A xornada incluíu tamén unha visita á Binhai New Area, unha das principais áreas de desenvolvemento industrial e tecnolóxico de Tianjin, que concentra unha importante actividade empresarial en sectores como a automoción, a industria aeroespacial, a biotecnoloxía, a saúde e as novas tecnoloxías. Neste espazo teñen presenza grandes compañías internacionais, xunto cunha ampla rede de empresas industriais e de compoñentes.
Neste contexto, Covadonga Toca destacou a importancia de acompañar ás empresas galegas nos mercados internacionais, facilitar o coñecemento directo de novos contornos empresariais e favorecer contactos que poidan traducirse en oportunidades de negocio. Así mesmo, puxo en valor as capacidades industriais e tecnolóxicas de Galicia e as posibilidades de establecer novas relacións de colaboración en sectores de interese común.
Finalmente, a directora lembrou o traballo que desenvolve o Igape para apoiar a internacionalización do tecido empresarial galego, a través de iniciativas comerciais e institucionais e da súa rede de Antenas no exterior. Neste sentido, destacou o papel da Antena do Igape en China, que facilita contactos, identifica oportunidades e acompaña ás empresas galegas na súa actividade neste mercado.

























