Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

A XUNTA PON EN VALOR A EXCELENCIA DA MARCA GALICIA CALIDADE, QUE CONTRIBÚE A IMPULSAR A FACTURACIÓN E EMPREGO DAS EMPRESAS ADHERIDAS

Galicia Calidade

• A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, precisou na presentación do Balance de Galicia Calidade 2023 que nos últimos 12 anos se multiplicou por 5 o número de entidades certificadas e por 6 o de produtos e servizos ofrecidos baixo este selo distintivo

• Salientou que as empresas que levan esta marca conseguiron superar en tan só dous anos os efectos da crise da Covid-19 e mellorar os resultados prepandemia, con incrementos de ingresos e de xeración de emprego

• Entre 2019 e 2022 crearon 3.000 novos postos de traballo e contan xa cunha plantilla media formada por 70 empregados

• Ao peche de 2022, Galicia Calidade englobaba 168 entidades adheridas e un total de 855 produtos ou servizos certificados

• No exercicio pasado alcanzaron unha facturación de 5.360 millóns de euros, un 27,3% máis en comparación con 2019 e un 21% máis que en 2020

• Lorenzana salientou que preto do 80% das sociedades certificadas teñen actividade exportadora, en máis de 65 países, onde obteñen de media o 15% da súa cifra de negocio total

• De feito, as exportacións das empresas que empregan o selo distintivo Galicia Calidade creceron un 72% entre 2020 e 2022, a máis do dobre de velocidade que o conxunto das empresas exportadoras da Comunidade (32,2% de incremento)

• A conselleira afirmou que o estudo constata a consolidación de Galicia Calidade como marca de garantía da economía galega, e ademais con ampliación do ámbito de certificación a sectores como a hostalería, os viveiros, as instalacións náuticas, a xeotermia e a outras actividades industriais O balance anual adianta que o 80% das firmas certificadas prevé pechar o 2023 con crecementos positivos en vendas e emprego, e que o 92,5% espera facelo tamén en 2024

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, salienta a “excelencia” dos produtos e servizos certificados co selo Galicia Calidade, que se multiplicaron por seis nos últimos doce anos, ata acadar os 855, mentres que se quintuplicou o número de entidades adheridas, que son actualmente 168.

Acompañada polos conselleiros do Medio Rural, José González, e de Mar, Alfonso Villares, así como pola xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, Lorenzana presentou os datos do informe `Análise económica Galicia Calidade, 2023. Xeración de valor comprometido´.

Segundo puxo de manifesto, dese traballo despréndese que as empresas que levan esta marca conseguiron superar os efectos da crise provocada polo Covid-19 en tan só dous anos e mellorar os resultados de antes da pandemia, tanto en ingresos como na xeración de emprego. Alcanzaron o pasado ano unha facturación de 5.360 M€, o que representa un crecemento dun 27,3% con respecto aos ingresos obtidos en 2019 e un 21% máis que en 2020. Ademais, a cifra de negocios equivale ao 8,2% do PIB de Galicia fronte ao 6,6% que representaban no ano antes da pandemia.

O informe, elaborado por Galicia Calidade e que analiza a evolución das empresas certificadas, conclúe que a facturación global tivo un comportamento positivo tanto en 2020 respecto a 2019, cun crecemento do 5,2%, como nos anos 2021 e 2022.

INCREMENTO DE 3.000 EMPREGOS EN TRES ANOS

As entidades certificadas co selo de calidade xeraron 11.410 empregos directos no ano 2022, o que supón 3.000 máis que os traballadores que tiñan en 2019 (un 36,1 % máis) e 2.138 máis que no ano da pandemia (23,1% de incremento). A análise sinala que as empresas teñen un cadro de persoal medio de 70 persoas, cuns ingresos de 33,3 M€.

María Jesús Lorenzana tamén destacou que máis do 77,8% das sociedades certificadas comercializan os seus produtos ou servizos no mercado exterior, en máis de 65 países, o que lles supón uns ingresos medios do 15% da súa facturación. A actividade de exportación creceu un 71,9% en comparación co ano 2020, fronte ao incremento do 32,2% dos ingresos das empresas exportadoras.

O estudo constata a consolidación de Galicia Calidade como marca de garantía da economía galega, que conseguiu ampliar o ámbito de certificación a sectores como a hostalería, os viveiros, as instalacións náuticas, a xeotermia e outras actividades industriais. Nos últimos anos tamén creceu a fidelidade das empresas á marca Galicia Calidade. A maioría delas teñen unha antigüidade superior aos cinco anos e o 25% ten máis de 15 anos de fidelidade. Destacan os casos de compañías como Coren, Estrella Galicia e Rianxeira, que utilizan o selo desde 1997, ano na que se produciron as primeiras certificacións.

A conselleira de Economía, Industria e Innovación concluíu resaltando que, segundo o estudo, as empresas manteñen a confianza no desenvolvemento da economía galega, xa que o 80% prevé pechar o 2023 con crecementos positivos e o 92,5% espera incrementar a cifra de negocios no próximo ano. Segundo dixo, a isto contribúe a estabilidade política en Galicia e o feito de que a Xunta conte cun proxecto económico de apoio ao sector empresarial, con actuacións como a posta en marcha da futura Oficina Económica de Galicia ou diversas iniciativas de internacionalización que abranguen, tamén, a marca Galicia Calidade.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia