Consellería de Economía e Industria
LORENZANA PRESENTA AO EMPRESARIADO GALEGO EN MADRID OS NOVOS INSTRUMENTOS E INICIATIVAS DA XUNTA PARA ESTIMULAR A ATRACCIÓN DE INVESTIMENTOS
• No encontro `Los Almuerzos de Aegama´, a conselleira de Economía, Industria e Innovación salientou a próxima posta en marcha da Oficina Económica de Galicia e o plan de aceleración de proxectos industriais
• María Jesús Lorenzana lembrou que a Xunta traballa “para converter Galicia nun polo de emprendemento industrial capaz de atraer investimentos garantindo as máximas facilidades na tramitación”
• Coa visita da conselleira, Aegama retoma o seu programa de encontros para profundizar na actualidade económica de Galicia, no seu futuro e nas novas oportunidades que a Comunidade ofrece a potenciais inversores
A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, participou en Madrid no encontro `Los almuerzos de Aegama´, organizado pola Asociación de Empresarios Galegos en Madrid. Con este acto que tivo lugar no Eurostars Madrid Tower do Paseo de La Castellana, a Asociación que preside o enxeñeiro e executivo ourensán Julio Lage retoma a súa convocatoria de encontros con protagonistas crave para profundizar na actualidade económica de Galicia, no seu futuro e nas novas oportunidades que ofrece a Comunidade galega a potenciais inversores, tanto nos sectores tradicionais como nos que configuran a nova economía.
A visita da conselleira de Economía, Industria e Innovación xerou o interese do empresariado galego en Madrid e contou cunha ampla presenza de asociados de Aegama. A data elixida resultou ademais propicia, xa que constituíu unha excelente oportunidade para coñecer de primeira man as recentes novidades, programas e iniciativas que xa recollen os Orzamentos da Xunta de Galicia e os específicos da Consellería para 2024.
Durante a súa intervención, María Jesús Lorenzana destacou que a Xunta traballa para converter Galicia nun polo de emprendemento industrial capaz de atraer investimentos garantindo as máximas facilidades na tramitación. Neste eido, destacou a próxima posta en marcha da Oficina Económica de Galicia, que funcionará como única canle de interlocución coa empresa, e lembrou tamén que se vai acometer un plan de aceleración de proxectos industriais, de tal xeito que se rebaixan as condicións para seren declarados estratéxicos.