Consellería de Economía e Industria
RUEDA ENXALZA A CAPACIDADE DE INNOVACIÓN DOS EMPREGADOS PÚBLICOS E AGRADECE O SEU ESFORZO POR IDEAR NOVAS SOLUCIÓNS QUE MELLORAN A VIDA DIARIA DOS CIDADÁNS
• Participou no acto de entrega da quinta edición dos `Premios ao empregado/a público/a innovador´, acompañado polos conselleiros de Facenda e de Economía, Industria e Innovación
• Definiu a Xunta, con máis de 100.000 empregados públicos, como a organización de Galicia “máis potente” por número e impacto da prestación de servizo público
• Nesta edición dos premios, á que se presentaron 24 solicitudes de 10 consellerías, houbo distincións para un mapa térmico das cidades galegas apoiado no uso de drons e para unha iniciativa de control da avespa velutina
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, agradeceu a implicación e talento dos empregados públicos que, coas súas iniciativas innovadoras, axudan a construír unha Administración máis moderna e eficiente ao servizo das necesidades reais dos cidadáns, e que finalmente repercute na “mellora da vida da xente”. Así o salientou durante a entrega da quinta edición dos `Premios ao empregado/a público/a innovador´, na que estivo acompañado polo conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, e pola conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana.
Na súa intervención, Rueda puxo en valor o capital humano da Administración autonómica. Por estes motivos, defendeu galardóns coma estes, xa que axudan a poñer o foco sobre un traballo que ás veces non transcende ao público. Neste senso, destacou que é o labor e esforzo dos empregados públicos o que permite poñer en marcha todas as medidas, centros e servizos da Xunta.
Precisamente, erixiu á Xunta—con máis de 100.000 empregados públicos— como a organización de Galicia “máis potente”, e non só por número, senón polo impacto que as súas funcións de servizo público teñen na mellora da vida diaria dos cidadáns.
Por este motivo, o titular do Executivo galego agradeceulles aos gañadores, finalistas e candidatos a estes premios o seu “inconformismo” e “esforzo suplementario” ao que son as súas tarefas cotiás á hora de apostar por idear novas solucións. Así, considerou que a innovación non debe circunscribirse só ás grandes empresas, senón que debe ser unha cuestión que ha de incorporarse e prestarse desde o servizo público. “Non só o sector privado innova, na Xunta innovamos e sabemos facelo moi ben”, enxalzou.
MAPA TÉRMICO E CONTROL DA AVESPA VELUTINA
Nesta edición, presentáronse 24 solicitudes dun total de 10 consellerías. Na categoría de `Identificación de oportunidades´-na que se propón unha solución a unha problemática concreta- resultou gañadora a iniciativa `Countdown begins 2020- Mapa térmico de Galicia´, que propón usar drons para realizar un mapa térmico das cidades galegas no que se poida identificar a perda de enerxía polas cubertas envolventes dos edificios ou a inclinación das mesmas para a posible instalación de paneis solares. Desta forma, coñeceríanse as melloras máis eficientes para cada edificio respecto ao illamento e á produción de enerxía solar.
Por outra banda, a categoría de `Temática máis innovadora´ recoñece os proxectos innovadores que xa foron realizados ou están en curso. Nesta edición, premiouse unha iniciativa de control da avespa velutina que consiste en eliminar niños a través da introdución de insecticida nun lugar específico do mesmo. Emprégase un sistema de visión e activación do spray sen cable, que envía imaxes a un pequeno monitor que usa o operario.