Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

A Xunta pon en valor o Plan Renova o teu vehículo pola súa contribución para impulsar a mobilidade sustentable, segura e tecnoloxicamente avanzada

  • O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, participou en Madrid no evento ‘O impacto da renovación do parque nas emisións, a seguridade vial e a economía´, organizado pola Fundación Repsol
  • Eloxiou o impacto positivo da iniciativa da Xunta de Galicia tanto na transición enerxética, coa chegada de novas tecnoloxías, como no incremento nos datos de matriculación de vehículos eficientes
  • Fernandez Vila incidiu na importancia de establecer un cadro de apoios estables e sostidos no tempo para obter resultados efectivos: “As familias precisan ter claro o marco de axudas e incentivos para a renovación dos seus vehículos”, subliñou

Na súa intervención no evento impulsado pola Fundación Repsol en Madrid baixo o título ‘O impacto da renovación do parque nas emisións, a seguridade vial e a economía’, o director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, destacou as características do Plan Renova o teu vehículo para modernizar o parque móbil galego e avanzar nunha mobilidade máis sustentable, segura e tecnoloxicamente avanzada. Fernández Vila enxalzou o impacto positivo da iniciativa da Xunta de Galicia tanto na propia transición enerxética coa chegada de novas tecnoloxías como no incremento nos datos de matriculación, especialmente de vehículos eficientes, experimentado na Comunidade.

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas tamén incidiu na importancia de establecer un cadro de apoios estables e sostidos no tempo para obter resultados efectivos. “O coche é o segundo investimento máis grande en moitas familias despois da vivenda, polo que precisan ter claro o marco de axudas e incentivos para a renovación dos seus vehículos”, explicou.

Ademais defendeu a vinculación destas axudas ao resultado conseguido en lugar da tecnoloxía empregada. O plan, resaltou, “debe incentivar a retirada dos vehículos máis antigos, máis contaminantes e menos seguros, premiando a incorporación de vehículos que melloren obxectivamente eses tres parámetros: redución de emisións, aumento da seguridade vial e mellora da eficiencia económica”.

O Plan Renova o teu vehículo é unha iniciativa impulsada polo Goberno galego a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega) para incentivar a adquisición de novos automóbiles eficientes por parte de particulares ou empresas, con axudas de ata 4.600 euros por vehículo coa retirada dun antigo.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia