Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

A Xunta defende o talento galego como motor dunha economía innovadora, creativa, sostible e aberta ao mundo

  • Na inauguración de `Conexión Maker Faire Galicia´, a directora do Igape salientou que a Comunidade conta cun ecosistema de innovación e emprendemento cada vez máis vivo, dotado de sinerxías que multiplican o impacto sobre a economía e a sociedade
  • Ao destacar a contribución da rede galega de aceleradoras especializadas, Covadonga Toca avanzou que se engadirán novas iniciativas centradas en saúde e enerxías renovables

Durante a súa intervención na inauguración da xornada `Conexión Maker Faire Galicia´, celebrada na Cidade das TIC da Coruña, a directora do Igape, Covadonga Toca, reivindicou o talento galego como motor dunha economía innovadora, sostible e aberta ao mundo. Neste sentido, destacou que Galicia “é hoxe un territorio innovador e con visión de futuro, no que as ideas se transforman en proxectos grazas á creatividade, á cooperación e ao espírito emprendedor”.

Toca Carús puxo en valor a traxectoria da Maker Faire Galicia, que chega este ano á súa undécima edición consolidándose como a maior feira maker do sur de Europa, con máis de 100.000 asistentes, 1.550 creadores de 15 países e 600 proxectos presentados. “O importante non son só as cifras, senón o que representan: a capacidade de Galicia para situarse na vangarda da innovación global e conectar o noso talento co mundo”, afirmou.

No acto inaugural fixo referencia a algúns dos proxectos protagonistas desta edición, que mostran como a intelixencia artificial, a transferencia de enerxía en condicións extremas ou a agricultura sustentable con tecnoloxías de control avanzado xa forman parte do ecosistema galego. Exemplos que reflicten a capacidade de Galicia para xerar innovación aplicada a retos reais, dende o coidado do medio ambiente ata a eficiencia enerxética e alimentaria.

ECOSISTEMA EN CRECEMENTO

A directora do Igape tamén subliñou que Galicia conta cun ecosistema de innovación e emprendemento cada vez máis vivo, no que universidades, centros tecnolóxicos, clústeres, startups e empresas tradicionais colaboran cada vez máis entre si, xerando sinerxías que multiplican o impacto da innovación. Neste camiño, o Igape acompaña con programas que impulsan a modernización tecnolóxica das pemes, achegan a investigación ao tecido produtivo e apoian a posta en marcha de novas ideas.

Ademais, destacou a importancia da rede de aceleradoras especializadas, ás que se engadirán novas iniciativas centradas en saúde e enerxías renovables, así como o programa de axudas para startups, que financia os gastos iniciais para que ningún proxecto quede sen despegar. Xunto coa Oficina Económica de Galicia, que ofrece asesoramento personalizado a emprendedores e empresas, conforman unha infraestrutura clave para que o talento e as ideas innovadoras se transformen en motor colectivo de desenvolvemento.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia