Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

María Jesús Lorenzana: “Galicia non vai consentir que se fagan separatas enerxéticas coa nova planificación eléctrica”

  • Considera “lóxico e xusto” pedir un investimento superior ao 6%, fronte ao 2,5% recollido na proposta de planificación de redes de transporte de enerxía eléctrica ata 2030
  • A conselleira de Economía e Industria ve “dificilmente comprensible” que con 13.000 millóns de euros “o Goberno central non sexa quen de prever un investimento na provincia de Lugo” que reforzaría as súas posibilidades de desenvolvemento industrial
  • Reitera a preocupación da Xunta por que a provincia de Lugo quede sen reforzo en toda a zona central e limítrofe coa da Coruña e avanza que se van presentar alegacións
  • María Jesús Lorenzana participou, acompañada do director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, na clausura da XII Xornada Eólica Wind Galicia 2025 organizada polo Clúster de Enerxías Renovables (Cluergal)

Na clausura da XII Xornada Eólica Galicia 2025, organizada polo Clúster de Enerxías Renovables (Cluergal), a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, subliñou que “Galicia non vai consentir que se fagan separatas enerxéticas coa nova planificación eléctrica”, e avanzou que a Xunta está avaliando polo miúdo o borrador presentado esta mesma semana polo Goberno central para facer as alegacións correspondentes.

Lorenzana, acompañada do director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, detallou que a proposta de planificación de redes de transporte de enerxía eléctrica ata 2030, desde esta semana en audiencia pública, destina a Galicia arredor de 330 millóns de euros, un 2,5% do total de 13.000 millóns para toda España.

A conselleira, que recoñeceu a preocupación do Goberno galego por que a provincia de Lugo quede sen reforzo en toda a zona central e limítrofe coa provincia da Coruña, manifestou que por achega poboacional, xeración renovable e demanda industrial, “é lóxico e xusto pedir un investimento de máis dun 6%”. “É dificilmente comprensible que con 13.000 millóns e cun 2,5% que lle dan a Galicia o Goberno central non sexa quen de prever un investimento na provincia de Lugo” que reforzaría as súas posibilidades de desenvolvemento industrial, dixo. Nese sentido, indicou que a Xunta está analizando tamén que se reforzan todos os nós para a evacuación dos proxectos e, en particular, de eólica mariña.

“AS RENOVABLES ATRAEN INDUSTRIA”

Na súa intervención, Lorenzana remarcou que “as renovables atraen industria”. E foi precisamente neste contexto no que mencionou como unha das fortalezas de Galicia a súa capacidade de xeración de enerxía limpa que, ata xuño, foi do 85,8%; máis que o ano pasado (84,6%) e por riba xa do obxectivo fixado para 2030, que era do 85%. En concreto, a xeración eólica supuxo en 2024 o 38,4% da electricidade producida en Galicia e, nos seis primeiros meses deste ano, xa representa o 36%.

Segundo explicou, a Comunidade galega sempre estivo á vangarda da eólica terrestre; actualmente, con 4.000 MW de potencia eólica instalada (4.020,9 MW en 193 parques eólicos funcionando). Se ben é certo, engadiu, que neste momento hai 93 parques eólicos na Comunidade afectados por algún recurso xudicial en curso, dos que 86 xa están paralizados (78 deles pola prexudicialidade casacional).

Sobre iso, apelou a “ter en conta que a tramitación dos promotores e da Xunta foi xa avalada ata catro veces polo Tribunal Supremo (TS) e, posteriormente, polo Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE)”.

Con todo, asegurou que con independencia de que esas sentenzas avalen a política enerxética da Xunta, en todo este tempo o Goberno galego non quedou de brazos cruzados, senón que seguiu adoptando medidas para garantir a seguridade xurídica e o desenvolvemento do sector en Galicia coa Lei de recursos naturais.

Así, María Jesús Lorenzana puxo en valor o traballo que está a facer a Xunta para elaborar unha nova planificación eólica; necesaria, engadiu, porque “se as cousas saen como o Tribunal Supremo e o TXUE teñen sinalado, quere dicirse que sobrepasaríamos xa a potencia eólica prevista no actual plan eólico”.

Deste xeito defendeu as repotenciacións e reafirmou o convencemento do Goberno galego de que “se pode aumentar o recurso eólico minimizando o impacto ambiental á cidadanía”. “A Xunta ten unha postura firme sobre esta cuestión e estamos convencidos de que a cidadanía está entendendo a necesidade da implantación de proxectos de enerxía renovable no territorio”, concluíu.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia