Consellería de Economía e Industria
A Xunta participa co Goberno británico nun encontro sobre o modelo que aplica o Reino Unido para o desenvolvemento da eólica mariña

- O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, defendeu a estratexia galega baseada na compatibilidade entre impulso do sector, medio mariño e actividades existentes
- Lembrou o interese de Galicia por acudir á primeira poxa de megavatios de eólica mariña que se convoquen en España para “non perder a oportunidade de posicionarnos á vangarda desta tecnoloxía”
- Fernández Vila lamentou que España leve case tres anos de atraso na folla de ruta do desenvolvemento da eólica mariña e insistiu na necesidade de apoiar os proxectos experimentais no sector
- O director xeral está a participar no Reino Unido nunha rolda de encontros con empresas interesadas en asentarse en España e visitou o parque Kincardine Offshore Wind Farm, en Aberdeen
O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, participa no Reino Unido nunhas xornadas sobre eólica mariña impulsadas pola embaixada británica en España. No encontro interveñen ademais do Goberno galego, representantes do Executivo central e doutras comunidades autónomas, como Cataluña ou Canarias, e firmas como Navantia. O inicio do programa incluiu unha visita ao parque eólico mariño Kincardine Offshore Wind Farm, emprazado na costa escocesa de Aberdeen, quince quilómetros mar adentro.
Estes encontros están a servir para coñecer o modelo de xestión do Goberno británico no eido da eólica mariña no que respecta a planificación, regulamentación ambiental ou a integración dos beneficios sociais derivados destes proxectos na sociedade, entre outros, e que permitirán a todos os asistentes aprender das boas prácticas co propósito de implementalas en España, en xeral, e en Galicia en particular. Neste sentido, Fernández Vila insistiu na postura que a Administración galega vén defendendo desde hai tempo e que aposta pola coexistencia e compatibilidade do desenvolvemento deste sector co medio mariño e coas actividades existentes.
Neste contexto, o director xeral de Planificación Enerxética e Minas lembrou o interese de Galicia por participar na primeira poxa de megavatios de eólica mariña que se convoquen en España para, como apuntou, “non perder a oportunidade de posicionarnos á vangarda desta tecnoloxía e converter este sector nunha industria tractora de toda a cadea de valor, que atraia riqueza e xere novos postos de traballo”. E, ao fío, Fernández Vila explicou que as xornadas están a servir tamén para intensificar os contactos con empresas do sector interesadas en desenvolver proxectos de eólica mariña en España “o que é unha mostra máis -indicou- das posibilidades que temos e da necesidade de desenvolvelo canto antes”.
TRES ANOS DE ATRASO EN EÓLICA MARIÑA
Sen embargo, lamentou que España leve case tres anos de atraso na folla de ruta do desenvolvemento da eólica mariña, logo de que en 2023 se aprobaran os Plans de ordenación do espazo marítimo (POEM) e, posteriormente, o decreto que regula a produción de enerxía eléctrica a partir de instalacións situadas no mar. Pablo Fernández Vila insistiu na necesidade de apoiar os proxectos experimentais neste eido, tal e como se encargou de trasladarlles aos responsables do Goberno central.


























