Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

A Xunta destinará 270 millóns de euros a paliar os efectos do conflito de Oriente Medio nas empresas galegas

  • Alfonso Rueda avanza que o vindeiro Consello aprobará un plan de axudas por importe de máis de 150 millóns para dar cobertura aos sectores afectados
  • Adianta medidas como facilitar circulante ás empresas con intereses en Oriente Medio, resolver de forma urxente axudas de inclusión social e apoiar “con celeridade” aos sectores agrícola e marítimo

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou no Parlamento que a Xunta destinará un total de 270 millóns de euros a paliar os efectos do conflito en Oriente Medio na Comunidade. Durante a sesión de control no Pleno do Parlamento de Galicia, en resposta ás preguntas dos grupos parlamentarios, o titular do Goberno galego lembrou ao respecto da situación en Oriente Medio que o Consello da Xunta xa analizou hai dúas semanas “os primeiros impactos” e que Galicia foi “a primeira Comunidade autónoma en falar cos clústeres”.

Nesta liña, o presidente da Xunta anunciou que o vindeiro Consello autorizará “un plan de máis de 150 millóns de euros” para atender aos sectores afectados, e que se sumará aos máis de 120 millóns que suporá para Galicia financiar as iniciativas do Goberno central a este respecto.

CIRCULANTE PARA EMPRESAS AFECTADAS

Este plan conterá “todo aquilo que sexa preciso entre as posibilidades orzamentarias” para, entre outros, facilitar circulante ás empresas que traballan con Oriente Medio, resolver as peticións nun prazo de 10 días, atender con urxencia axudas de inclusión social ou axudar con celeridade tanto ao sector agrícola como ao marítimo.

Tamén durante a súa intervención parlamentaria, Alfonso Rueda sinalou que o nivel de satisfacción coa sanidade pública galega está “por enriba da media nacional” e que, en vacinación infantil, a Comunidade galega “vai seguir sendo pioneira” a nivel mundial. Neste sentido, anunciou que Galicia, que xa incorpora dúas vacinas contra a meninxite, vai introducir unha nova vacina fronte ao meningococo B que se administrará aos adolescentes cando cumpran 12 anos.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia