Consellería de Economía e Industria
Rueda vincula á colaboración entre empresas e Administración o modelo de crecemento económico “sustentable e respectuoso co contorno e o territorio”

- Na presentación do sexto `Atlas galego da empresa comprometida´ citou como claves para “crecer ben”: ter un tecido económico comprometido co medio ambiente, o bo goberno e impulsar as novas tecnoloxías
- Avanzou que a Xunta está a elaborar o seu propio abano de iniciativas para apoiar os sectores máis afectados polo conflicto en Oriente Medio, para atender os problemas das empresas co capital circulante e cos investimentos xa realizados
- Alfonso Rueda precisou que, como as medidas do Goberno central pivotan sobre impostos cedidos total ou parcialmente ás Comunidades, Galicia terá que aportar “máis de 120 millóns de euros nestes tres meses”
- O presidente da Xunta salientou a boa marcha da economía galega, que medrou un 2,6% o ano pasado, co paro “na cifra máis baixa desde 2007” e cun volume exportador que rozou en 2025 os 31.000 millóns de euros
- Na súa intervención, afirmou que “cada vez máis, confíase en Galicia para investir”, grazas á estabilidade da Comunidade e ás políticas de apoio ás empresas
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, aposta pola colaboración público-privada entre empresas e Administracións á hora de fomentar un crecemento económico de Galicia sustentable e respectuoso co contorno e o territorio. “Galicia pode crecer e crecer ben. Isto depende de todos, pero moi especialmente de ter un tecido económico comprometido”, indicou durante a presentación da sexta edición do `Atlas galego da empresa comprometida´, que promove anualmente Economía Digital.
Na súa intervención, Rueda fixo tamén mención aos efectos que está tendo na economía o conflito en Oriente Medio. Detallou que o Goberno galego está facendo un seguimento coas empresas máis afectadas e avanzou que a Xunta xa traballa en elaborar o seu propio abano de iniciativas para apoiar os diferentes sectores, tendo en conta os problemas que poden ter as empresas co capital circulante e as inversións feitas previamente, así como o parón que haberá “nas relacións comerciais, a loxística ou o envío de produtos".
En canto ás medidas do Goberno central, destacou que, ao pivotar estas sobre impostos cedidos total ou parcialmente ás Comunidades autónomas, isto implica que “Galicia aportará máis de 120 millóns de euros nestes tres meses” para aplicar as medidas estatais.
OBXECTIVOS QUE DEIXAN “PEGADA NA TERRA”
Na presentación que tivo lugar no marco do Hotel Monumento San Francisco, en Santiago, Alfonso Rueda valorou a importancia do Atlas presentado, unha ferramenta de diagnose que avalía entre un gran número de empresas galegas valores como o bo goberno, o medio ambiente, a relación coa contorna, as persoas ou o uso da intelixencia artificial. En concreto, este ano participaron no estudo 80 empresas, cunha facturación conxunta superior aos 56.000 millóns de euros, o que representa case o 70% do PIB galego. O presidente da Xunta salientou que cada vez sexan máis as empresas que buscan compaxinar os beneficios económicos con outros obxectivos “que deixan pegada na terra”.
Nesta liña, valorou a resiliencia e competitividade das empresas galegas, así como o seu compromiso co territorio. E salientou o importante papel que xogan na boa marcha económica da Comunidade. Así, entre outros datos, lembrou que a economía galega medrou un 2,6% o pasado ano; que o paro se sitúa na cifra máis baixa desde 2007; e que o volume exportador rozou en 2025 os 31.000 millóns de euros, o que a situou a Galicia entre as cinco Comunidades máis exportadoras.
“Cada vez máis, confíase en Galicia para investir”, resaltou o titular do Executivo galego, quen apuntou que parte destes bos datos débense tamén á estabilidade de Galicia e ás políticas de apoio ás empresas. Entre outras medidas, sinalou que o Goberno galego traballa na simplificación e axilización administrativa, a través de iniciativas como a Oficina Económica de Galicia; e que o apoio á innovación é unha prioridade estratéxica.

























