Consellería de Economía e Industria
A Xunta remarca que a transición enerxética debe ser “coherente, gradual e compatible” coa viabilidade económica dos sectores produtivos

- María Jesús Lorenzana, conselleira de Economía e Industria: “Estamos totalmente a favor dela e da loita contra o cambio climático, pero non pode levar a que unha parte da poboación non poida chegar a fin de mes ou unha parte das empresas non poidan sufragar os custos enerxéticos”
- Ademais censura a “oposición sistemática” a todo proxecto industrial que avance na descarbonización, e a que se fale de sensibilización “mentres se alimenta a desinformación”
- Compromete que a Xunta seguirá traballando “para atraer máis proxectos industriais a Galicia, especialmente nas zonas máis afectadas polos procesos de transición enerxética”
- Lorenzana lembra que o Goberno galego leva destinado a esas comarcas máis de 100 millóns de euros en axudas para descarbonización e en préstamos parcialmente reembolsables
- O Inega investiu case 300 millóns de euros nos últimos catro anos en fomentar a transición enerxética, en ámbitos como a promoción das renovables e autoconsumo, o fomento da eficiencia enerxética ou o paso a unha mobilidade máis eficiente
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, defendeu no Parlamento de Galicia que a transición enerxética debe ser coherente e compatible coa viabilidade económica dos sectores produtivos, sen posturas dogmáticas que condenen ás empresas e á cidadanía. “Estamos totalmente a favor da transición enerxética e da loita contra o cambio climático, pero as transicións deben ser graduais, e non poden levar a que unha parte da poboación non poida chegar a fin de mes, ou unha parte das empresas non poidan sufragar os custos enerxéticos”, dixo en resposta a unha interpelación no Pleno do Parlamento.
Lorenzana censurou ademais a “oposición sistemática” a calquera proxecto industrial que poida permitir avanzar na descarbonización, e que se fale de sensibilización “mentres se alimenta a desinformación”. “O mellor plan social que se pode propoñer é que existan industrias onde vaian as persoas a traballar”, remarcou.
Na súa intervención, sinalou por outra banda que a transición enerxética en España require dunha serie de elementos que dependen do Goberno central: “É imposible que esa transición e esa electrificación teñan lugar se non somos quen de reforzar a rede de transporte”, observou, para citar a continuación os atrasos dos nós de transición xusta.
Neste contexto, a conselleira de Economía e Industria asegurou que a Xunta vai seguir traballando para atraer máis proxectos industriais a Galicia, especialmente nas zonas máis afectadas polos procesos de transición enerxética, ás que o Goberno galego leva destinado máis de 100 millóns de euros en axudas para proxectos de descarbonización e en forma de préstamos parcialmente reembolsables.
Pola súa banda, o Instituto Enerxético de Galicia (Inega) leva investidos case 300 millóns de euros nos últimos catro anos en fomentar a transición enerxética en diversos eidos, como os de promoción das enerxías renovables e autoconsumo, o fomento da eficiencia enerxética ou o paso a unha mobilidade máis eficiente.

























