Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

A aceleradora de internacionalización Galicia Avanza xa prepara unha nova edición, para a que contará cun orzamento de 1,2 millóns de euros

  • Neste programa financiado polo Igape e que se desenvolve no Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), levan participado un total de 111 empresas en catro convocatorias
  • A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destaca que a aceleradora contribúe a ampliar a base exportadora da economía galega e a que cada vez máis pemes cheguen ao mercado internacional

 

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, adiantou que a Xunta traballa nunha nova edición da aceleradora de internacionalización Galicia Avanza que vai contar cun orzamento de 1,17 millóns de euros. Así o anunciou nunha visita a Bodegas Lodeiros, en Santiago de Compostela, unha das trinta empresas participantes na última convocatoria deste programa financiado polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) que se desenvolve no Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), en San Cibrao das Viñas (Ourense).

Segundo indicou Lorenzana, no caso concreto de Bodegas Lodeiros a participación en Galicia Avanza non só lle vai permitir consolidar as súas exportacións a Portugal e República Dominicana, senón chegar a mercados gourmet de Alemaña, Reino Unido, Suíza, Países Baixos, Estados Unidos e Latinoamérica; en especial, México.

Entre a trintena de empresas participantes nesta cuarta edición do Galicia Avanza, a maioría pertencía ao sector agroalimentario e de produtos ecolóxicos (11 empresas); ao da enxeñaría e o desenvolvemento tecnolóxico (8 empresas); ao da industria de fabricación (5 empresas); á industria téxtil e de moda (4 empresas); e aos servizos profesionais (2 empresas). A maior parte delas (13) son da provincia de Pontevedra; 7 de Ourense e da Coruña, e 3 de Lugo. En total, xa levan participado nesta aceleradora 111 empresas nas súas catro edicións.

A conselleira de Economía e Industria asegurou na visita que o programa é unha forma de contribuír a ampliar a base exportadora da economía galega e destacou o feito de que cada vez sexan máis empresas as que chegan ao mercado internacional. Lembrou que o obxectivo está en manter as cifras tan boas de exportacións que Galicia leva rexistrando estes últimos anos, por riba dos 30.000 millóns de euros.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia