Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

Lorenzana avanza a convocatoria, antes do verán, dunha nova liña de axudas para fomentar a construción en madeira, cun orzamento para este ano de 2 millóns de euros

  • Os apoios poden chegar ata o 70% do gasto subvencionable e cobren o uso de produtos en madeira en obra nova, rehabilitación ou reforma de naves, establecementos e vivendas unifamiliares
  • A conselleira de Economía e Industria lembrou que esta liña de axudas da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) leva concedidos desde o ano 2020 un total de 9 millóns de euros a preto de 600 beneficiarios
  • Lorenzana avoga por seguir dando impulso á construción industrializada neste material orgánico e natural, tendo en conta que Galicia concentra case a metade da produción de madeira de España e que ten capacidade para exportar sistemas construtivos e solucións completas

A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), aprobará antes do verán unha nova convocatoria da liña de axudas para fomentar a construción en madeira, dotada con 2 millóns de euros para 2026, tal e como avanzou a conselleira de Economía e Industria. No transcurso dunha visita ás instalacións da empresa Enpezas, dedicada á construción modular en madeira e con sede no polígono da Granxa (O Porriño, Pontevedra), María Jesús Lorenzana detallou que a Xunta leva convocado esta liña de apoios bienal desde o ano 2020 e que foi subindo en orzamento ata acadar na última convocatoria (2022-2024) os 5 millóns de euros, orzamento que se repetirá no seguinte período de axudas. Nesa última edición resultaron beneficiados 250 pemes e particulares, mentres que desde 2020 foron 589 os beneficiarios, cun importe total concedido de 9 millóns de euros.

Son axudas que poden chegar ata o 70 por cento do gasto subvencionable e que cobren a utilización de produtos en madeira en obra nova, rehabilitación ou reforma tanto de naves e establecementos como de vivendas unifamiliares; así como a redacción dos respectivos proxectos. Trátase ademais dunha liña de apoios pioneira en España que, de feito, foi obxecto de interese por parte doutras Comunidades autónomas.

Lorenzana avogou por seguir dando impulso en Galicia á construción industrializada en madeira, tendo en conta que a Comunidade concentra preto do 50 por cento da produción de madeira de España e que ten capacidade para exportar sistemas construtivos e solucións industriais completas. En referencia á empresa de construción modular do Porriño, Enpezas, a conselleira de Economía e Industria dixo que constitúe un exemplo de como a construción industrializada introduce tecnoloxía, planificación e novos procesos produtivos desde o deseño ata a execución da obra, co engadido de permitir reducir prazos, investimento e residuos.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia