Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

A Xunta apoia o desenvolvemento e mellora do transporte ferroviario de mercadorías, que considera “esencial para garantir a competitividade económica” de Galicia

  • Os conselleiros de Presidencia, Xustiza e Deportes e de Economía e Industria participaron no `Foro Ourense Industrial. O futuro do transporte de mercadorías´
  • Diego Calvo reclamou concrecións sobre o Plan Director do Corredor Atlántico de Mercadorías e lembrou que a Comunidade segue sumando retrasos nas infraestruturas pendentes e incidencias nos servizos ferroviarios
  • Esixiu ao Goberno central avances na conexión da provincia ourensá, entre os que citou a modernización das liñas Ourense–Monforte–Lugo, Vigo–Redondela–Guillarei–Ourense polo Miño ou a que une Ourense con Zamora
  • Resaltou que a Xunta avoga por apostar por trens longos e locomotoras con maior capacidade de arrastre, así como por impulsar as autoestradas ferroviarias e as terminais
  • María Jesús Lorenzana ratificou o compromiso da Xunta co proxecto da estación de mercadorías ferroviarias de San Cibrao das Viñas e avanzou que o Goberno galego vai modificar o proxecto sectorial da Cidade do Transporte para ampliar a súa superficie
  • A conselleira de Economía e Industria puxo en valor que Ourense é unha das provincias con máis solo industrial en tramitación, tres millóns de metros cadrados, e asegurou que é un territorio “con futuro industrial”

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, participaron hoxe xunto ao delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, no Foro `Ourense Industrial. O futuro do transporte de mercadorías´, organizado pola Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao. No encontro púxose de manifesto a importancia de apoiar a este sector estratéxico e esencial para garantir a competitividade económica da Comunidade.

Na súa intervención, Diego Calvo destacou o transporte ferroviario de mercadorías como unha oportunidade, ao tempo que incidiu na necesidade de que o Goberno central invirta en mellorar os servizos e as infraestruturas para que sexan competitivos. Así, a Xunta avoga por apostar por trens longos e locomotoras con maior capacidade de arrastre, ademais de impulsar as autoestradas ferroviarias e as terminais.

Pese a que se trata dunha competencia estatal, a Xunta colabora co Cluster da Función Loxística de Galicia no fomento do transporte ferroviario de mercadorías a través do Corredor Atlántico e, por iso, a Dirección Xeral de Mobilidade conta cun novo servizo de loxística e instalacións ferroviarias e aeronáuticas para impulsar o papel da Comunidade nestes sectores.

Diego Calvo referiuse tamén ao carácter estratéxico do Corredor Atlántico para incrementar as capacidades loxísticas e a competitividade de Galicia no transporte de mercadorías. Nesta liña, lembrou que o Goberno galego segue sen ter concrecións do seu Plan Director e que a Comunidade segue sumando retrasos nas infraestruturas pendentes e incidencias nos servizos ferroviarios. No caso dos incumprimentos do Executivo estatal coa provincia ourensá mencionou a necesidade de axilizar a modernización do corredor ferroviario Ourense-Monforte-Lugo, avanzar no da liña Vigo-Redondela-Guillarei-Ourense polo Miño ou na que une Ourense e Zamora, todas elas esenciais para a conexión ferroviaria de Galicia.

En canto ao transporte de mercadorías por estrada, a Xunta conta con medidas para facilitar a incorporación de novos profesionais como é o caso das axudas para a obtención dos carnés das clases C e D e do certificado de aptitude profesional (CAP). Apuntou tamén o apoio ás mulleres transportistas, coa posta en marcha dunha rede pioneira en España de áreas de estacionamento seguro con 1.500 prazas, como a inaugurada a comezos deste ano no polígono de San Cibrao das Viñas froito da colaboración entre o Goberno galego, a Deputación de Ourense e o empresariado.

A maiores, avanzou que se está a traballar na orde de axudas para o desenvolvemento de áreas de estacionamento seguras e protexidas para vehículos de transporte de mercadorías por 500.000 euros para a instalación de 250 prazas. Apuntou tamén o impulso á modernización, dixitalización e transformación das frotas de transporte de viaxeiros e mercadorías, con axudas específicas financiadas con fondos europeos.

“PROVINCIA CON FUTURO INDUSTRIAL”

Pola súa banda, a conselleira de Economía e Industria destacou que Ourense é unha das provincias con máis solo industrial en tramitación, tres millóns de metros cadrados, porque “é necesario” e, ademais, trátase dunha provincia “con futuro industrial”.

Neste contexto, ratificou o compromiso da Xunta co proxecto da estación de mercadorías ferroviarias de San Cibrao das Viñas e avanzou que o Goberno galego “vai proceder a modificar” o proxecto sectorial da Cidade do Transporte para ampliar a superficie e poder incorporar, así, os metros cadrados necesarios para a construción desta infraestrutura (preto de 26.000 metros cadrados).

Lorenzana incidiu ademais en que a Xunta apoia a esixencia da asociación de empresarios de San Cibrao ao Goberno central consistente en redactar un estudo de viabilidade para a construción desta terminal, susceptible de ser incluída no Corredor Atlántico de mercadorías, e para o que se precisa que o Executivo estatal acceda á súa licitación.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia