Consellería de Economía e Industria
O Consello da Xunta aprobou en Celanova un investimento de máis de 32 millóns de euros en infraestruturas viarias na provincia de Ourense

- Alfonso Rueda destaca cinco grandes eixos de actuación “para seguir dotando aos cidadáns das mellores comunicacións”
- A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, salienta que estas actuacións refrendan o compromiso da Xunta “con vertebrar Galicia, dinamizar o rural e comunicar o interior con Portugal”
- O Consello da Xunta autorizou a contratación, por 6 millóns de euros, das obras de mellora da OU-540 entre Celanova e Bande, como inicio dunha actuación que está previsto desenvolver na seguinte fase ata a Baixa Limia e a fronteira portuguesa.
- O reforzo da seguridade viaria na propia OU-540, na Manchica (A Merca), que suporá un investimento autonómico de case 800.000 euros, inclúe unha nova glorieta e a mellora do acceso á autovía AG-31
- O Goberno galego tamén avaliou o informe de redacción do proxecto de trazado para o acondicionamento da estrada OU-533 entre A Gudiña e Viana do Bolo, cun investimento superior aos 15,2 millóns de euros
- O Diario Oficial de Galicia xa recolle a aprobación definitiva do proxecto de trazado da Ronda Leste de Ourense, entre Bemposta e a estrada N-525, intervención que impulsará a conectividade coa autovía A-52
- O Executivo acordou ademais a aprobación da licitación, por importe de 1,5 millóns de euros, das obras da nova senda peonil da estrada autonómica OU-402 en Reza, no concello de Ourense
O Consello da Xunta celebrado en Celanova (Ourense) deu luz verde a un investimento de máis de 32 millóns de euros en infraestruturas viarias na provincia de Ourense, a través de cinco grandes actuacións, que se enmarcan no esforzo orzamentario que está a realizar o Goberno galego “para seguir apostando por dotar aos cidadáns das mellores comunicacións”, destacou Alfonso Rueda.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, detallou as actuacións, que inclúen a nova Ronda Leste de Ourense, entre Bemposta e a N-525, ademais de intervencións que se desenvolverán nas estradas OU-540 e OU-533 e unha senda peonil na OU-402. “Isto amosa o noso compromiso con vertebrar Galicia, vertebrar esta provincia, dinamizar o rural e comunicar a Galicia interior con Portugal”, expresou.
Así, o Consello da Xunta autorizou nesta reunión semanal trasladada a Ourense a contratación, por importe de 6 millóns de euros, das obras de mellora da estrada OU-540, entre Celanova e Bande. Este é o primeiro tramo da fase inicial da actuación proxectada nesta vía autonómica, que ten como obxectivo ampliar a capacidade e funcionalidade da OU-540, no tramo que rexistra unha maior intensidade de tráfico, de 2.630 vehículos ao día, e que se prevé desenvolver na seguinte fase ata a Baixa Limia e a fronteira portuguesa.
OBRAS NO PRIMEIRO SEMESTRE DE 2026
En concreto, esta nova intervención comprende o treito de algo máis de 14 kilómetros de lonxitude da OU-540 entre Celanova e Bande. A Xunta prevé licitar nas vindeiras semanas esta actuación, e en paralelo convocará os actos de levantamento de actas de ocupación das expropiacións, co obxectivo de iniciar as obras deste primeiro treito no primeiro semestre de 2026.
As actuacións comprenderán desde o punto quilométrico 25+470 ata o 39+560. Incluirán a execución dun carril adicional na marxe dereita da estrada, ao seu paso por Verea, de case 2,5 kilómetros. Tamén se prevé un carril adicional na marxe esquerda da vía, ao paso polo termo municipal de Bande, de 1,1 kilómetros.
Ademais, o proxecto que se licitará recolle a mellora de interseccións, como é o caso dunha prevista en Bande norte, así como a execución de sendas peonís para favorecer os desprazamentos a pé dos veciños nos núcleos de Carballo e de Agrelo, en Verea. Estas actuacións completaranse coa mellora do firme alí onde sexa necesario e coa limpeza e despexe das marxes para favorecer a visibilidade.
INVESTIMENTO DE 15,2 MILLÓNS NA ESTRADA A GUDIÑA-VIANA
O Consello da Xunta tamén avaliou o informe sobre a redacción do proxecto de trazado para o acondicionamento da estrada OU-533 entre A Gudiña e Viana do Bolo, que suporá un investimento superior aos 15,2 millóns de euros. A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través da Axencia galega de infraestruturas, está a avanzar xa na supervisión do proxecto de trazado elaborado tras o estudo previo realizado nesta estrada, que identificou os treitos prioritarios de actuación.
A OU-533 ten unha lonxitude de algo máis de 50 kilómetros, comunicando a N-525 na Gudiña coa N-120 na Rúa. O citado estudo propoñía o acondicionamento do vial ata conseguir uns parámetros de trazado homoxéneos, mellorando os actuais e permitindo unha condución cómoda, segura e axeitada á velocidade establecida de 90 km/h.
En concreto, o treito obxecto dos traballos de redacción que avaliou na xuntanza de Celanova o Goberno galego correspóndese co treito prioritario determinado no estudio previo: o tramo da OU-533 entre A Gudiña e Viana do Bolo. O obxectivo é actuar nesta zona, de 15 kilómetros de lonxitude, na que practicamente non se poden realizar adiantamentos.
Para acadar este obxectivo no proxecto, o departamento de Infraestruturas da Xunta proponse executar unha actuación integral de acondicionamento na OU-533, co obxectivo de mellorar a seguridade viaria, incrementar a capacidade e facilitar os adiantamentos nesta vía de importancia estratéxica para o sur da provincia de Ourense. Así, deséñase un novo trazado sobre a base da estrada actual, realizando a mellora de interseccións, e habilitando carrís adicionais de adiantamento.
Coas actuacións propostas auméntanse os tramos con terceiros carrís de adiantamento, pasando dunha lonxitude actual total de 760 metros en sentido crecente (sentido A Rúa) e 600 metros en sentido decrecente (sentido A Gudiña), a unha lonxitude futura de 2,6 kilómetros en sentido crecente e 4,5 kilómetros en sentido decrecente. Para elo construiranse os seguintes novos carrís adicionais: en sentido Viana, do punto kilométrico 0+380 ao 1+330 (950 metros); e en sentido A Gudiña, do 2+730 ao 6+830 (4.460 metros). Ademais de nestes carrís adicionais, debido á mellora do trazado tamén aumenta a lonxitude con posibilidade de adiantamento.
O proxecto propón un treito de actuación de especial intensidade, cunha variante de trazado entre os puntos kilométricos 5+000 e 7+100, resultando unha nova plataforma duns 1.250 metros de lonxitude, é dicir, reducirase a lonxitude deste treito de estrada en algo máis de 700 metros.
En canto á seguridade viaria, mellórase con 8 interseccións nas que se proxecta a disposición de novos carrís centrais de espera. Ademais, configúrase en 6 dos casos a intersección para que se poida realizar un cambio de sentido con seguridade. E, finalmente, prevese a extensión dunha nova capa de rodaxe en toda a plataforma da estrada (calzada + beiravías), renovando por completo o pavimento do tramo de proxecto.
A Xunta ten como obxectivo aprobar provisionalmente o proxecto de trazado a finais deste ano ou principios de 2026, para sometelo a información pública.

MELLORA DA SEGURIDADE VIARIA NA MANCHICA
O Consello da Xunta tamén autorizou o proxecto de acordo polo que se aproba o trámite de información pública e informe das administracións afectadas e definitivamente o proxecto de trazado da mellora da seguridade viaria na estrada OU-540 na Manchica, no concello da Merca, que suporá un investimento autonómico de case 800.000 euros.
O Goberno galego prevé seguir avanzando na tramitación deste proxecto coa realización do levantamento de actas previas a finais deste ano. O proxecto recén aprobado comprende un conxunto de intervencións centradas na mellora das interseccións e a reordenación dos accesos da OU-540 na contorna da Manchica. Entre as actuacións previstas figura a creación dunha glorieta na confluencia da estrada con outros viarios provinciais (OU-0201 e OU-0202) para canalizar a circulación con maior seguridade e facilitar o acceso á autovía AG-31, así como a habilitación dun novo acceso ao principal ámbito de solo urbano no núcleo da Manchica, conectando esta estrada co viario interior do chan urbano (rúa Val do Seixo).
Os traballos completaranse con reforzos de firmes noutros tramos, renovación de beirarrúas, actuacións de reposición da sinalización, alumeado e dos servizos afectados no treito de actuación. Ademais, habilitaranse sendas peonís en ambas marxes noutro dos tramos de actuación para garantir a seguridade dos colectivos máis vulnerables.
Estas intervencións enmárcanse na aposta da Xunta por continuar mellorando esta estrada que vertebra a comarca da Baixa Limia e que supón a vía de conexión entre a provincia de Ourense e Portugal.
APROBACIÓN DA RONDA LESTE DE OURENSE
O Goberno galego avanzou ademais a publicación o 21 de outubro no Diario Oficial de Galicia (DOG) da aprobación definitiva do proxecto de trazado da Ronda Leste de Ourense, que une Bemposta coa estrada N-525. Contará cun investimento de 8,8 millóns de euros e discorrerá polos concellos de Ourense e San Cibrao das Viñas. A execución deste proxecto “reducirá o tráfico no casco urbano e acurtará de xeito notable o tempo de viaxe entre Bemposta e a autovía das Rías Baixas”, salientou o presidente da Xunta.
Trátase de avanzar nunha nova estrada de 1,5 kilómetros que une a OU-105 en Bemposta coa N-525 e completará a circunvalación polo sur da cidade conectando coa autovía A-52. A publicación deste acordo do Goberno galego supón un paso importante que incorpora a actuación ao planeamento urbanístico, que permite iniciar o procedemento expropiatorio e que antecede á aprobación do proxecto de construción, último paso previo á licitación das obras no 2026.
A estrada parte da glorieta existente na confluencia da estrada OU-105 coa OU-510, no núcleo de Bemposta, e desde este punto discorrerá en sentido suroeste para terminar no enlace coa N-525, dende o que se accede á autovía A-52. Deste xeito, completarase un viario de circunvalación perimetral da cidade de Ourense de acordo co previsto no Plan Sectorial Viario de Ourense e a súa contorna. Os traballos terán un prazo de execución de 24 meses.
Esta actuación reducirá o tempo de viaxe, cun importante acurtamento na distancia de percorrido ata a autovía A-52, pasando de 7 minutos e 4,6 kilómetros que son necesarios a día de hoxe para transitar entre Bemposta e a N-525 a pouco máis de 1 minuto e 1,7 kilómetros de lonxitude. A intervención tamén suporá un reforzo da seguridade viaria, cunha aposta pola calidade de vida dos veciños ao sacar tráfico do centro de Ourense, desconxestionando o tránsito de rúas como Marcelo Macías ou a Avenida de Zamora.
O treito que se construirá entre Bemposta e a N-525 contará con dous carrís, un por cada sentido, de 3,5 metros cada un, e beiravías de 1,50 metros. Nas zonas de maior pendente haberá un carril adicional.
Este trazado precisa de importantes estruturas ao longo do kilómetro e medio do seu percorrido, como un paso inferior no cruce onde pasa a liña de ADIF existente e actualmente en proceso de ampliación; un viaduto de 80 metros de lonxitude sobre o río Barbaña; e un paso superior para dar acceso á EDAR de San Cibrao. Estas estruturas amosan a complexidade do trazado, polo que houbo que realizar adaptacións para buscar a mellor solución.
Por outra banda, respecto do trazado cabe sinalar tamén que o acceso á glorieta existente na N-525 dende ou cara á N-525/OU-525 redefínese mediante a execución de dous ramais: o ramal sur parte dende a estrada OU-525 mediante un carril de deceleración de 425 metros, e o ramal norte, que parte da glorieta existente, baixando ata a N-525 e entroncando co carril adicional que permite a entrada a Expourense.
Cómpre sinalar que trala análise dos informes, alegacións e certificados presentados, acordouse modificar a zona do enlace da Rolda leste coa N-525/OU-525 tendo en conta o Plan Parcial SUR-T1 do concello de San Cibrao das Viñas, así como o establecido no Plan Sectorial da Rede Viaria de Ourense.
SENDA PEONIL CONTINUA EN REZA
Por outra banda, o pleno do Consello da Xunta reunido en Celanova acordou a aprobación da licitación por un importe de 1,51 millóns de euros das obras da nova senda na estrada autonómica OU-402 en Reza, no concello de Ourense. Trátase de executar o proxecto reformulado para habilitar unha senda peonil continua de case 2,7 kilómetros pola marxe dereita desta vía autonómica, amosando o mesmo a vontade de diálogo permanente da Xunta para acadar unha solución satisfactoria e que minora no posible as afeccións.
Así, baixo este contrato, executarase na OU-402 un itinerario entre os puntos kilométricos 1+060 e 3+290, que permita conectar os treitos illados de beirarrúas existentes e as edificacións dispersas, para que os veciños poidan realizar os desprazamentos a pé de xeito máis cómodo e seguro.
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas prevé licitar as obras na primeira quincena de novembro, para poder iniciar a súa execución na primavera do 2026 . A actuación ten un prazo de execución de 12 meses.
Esta nova senda estenderase desde a intersección coa rúa Portalón ata o aparcadoiro situado no kilómetro 3+290 da estrada. Pola marxe esquerda realizaranse, ademais, pequenas actuacións puntuais relacionadas coa nova posición dos pasos de peóns ou das paradas de autobús acordadas.
O itinerario peonil adaptarase ao trazado da vía, tanto en planta como no alzado, mantendo unha beiravía de 0,50 metros. Executarase en formigón desactivado e con bordo elevado sobre a vía.
Atendendo ás consideracións feitas previamente polos veciños e para minimizar afeccións aos peches, a senda oscilará entre os 1,8 e os 3 metros de ancho, en función das edificacións lindeiras. Tamén nun pequeno treito (entre o punto kilométrico 2+050 e o 2+200) modificarase lixeiramente o trazado da estrada, movendo un metro o eixe para evitar afectar aos peches.
A intervención levarase a cabo de xeito coordinado coa dotación de bandas de aparcadoiro en liña na marxe dereita que eviten que os vehículos paren invadindo o recorrido peonil. E cumprindo coas demandas veciñais no momento da redacción deste novo proxecto, reubicaranse varias paradas de autobús tamén na marxe contraria á senda, para que a subida e a baixada de viaxeiros se faga sen interrupcións. Ademais, disporanse 6 novas marquesiñas.
A intervención que se licitará atende tamén ás alegacións recibidas para reducir a afección a varias fincas mediante a substitución dun terraplén por un muro entre os puntos kilométricos 1+075 e 1+150, e axústase o ancho da senda entre os kilómetros 1+380 e 1+445. A obra completarase con traballos adicionais de mellora dos sistemas de drenaxe, a preinstalación de canalizacións de servizos, sistemas de contención, construción de muros ou reforzo da sinalización.
MÁIS DE 16 KILÓMETROS DE SENDAS NA COMARCA DE OURENSE
Con esta actuación complétase a execución de máis de 16 kilómetros de sendas nas estradas autonómicas da comarca de Ourense, con 8 millóns de euros de investimento, traballos aos que hai que sumar o investimento mobilizado para conformar a nova senda peonil e ciclista que vertebrará de norte a sur a cidade entre a estación intermodal, a Ponte Vella e Expourense, a través da avenida das Caldas e do Barbaña.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, incidiu en que o Goberno galego continúa mellorando a rede viaria autonómica para reforzar a seguridade viaria e a comodidade dos usuarios, así como para impulsar unha mobilidade máis sustentable.

























