Consellería de Economía e Industria
Lorenzana alerta da necesidade dun marco regulatorio da automoción en Europa: “Se non damos resposta ás necesidades reais das empresas é probable que se agudice a crise de demanda e a perda de produción”

- A conselleira de Economía e Industria aseverou na clausura do MIG2025-Mobility Innovation Galicia, organizado por Ceaga, que o regulamento “debería estar xa aprobado e en aplicación”
- Defendeu o fomento da produción local na UE para evitar a deslocalización das cadeas de valor, dando apoio aos grandes fabricantes pero tamén a toda a industria auxiliar
- Matizou que este plantexamento inspira o Plan Director aprobado pola Xunta con 230 millóns de euros de investimento ata 2027, aposta económica “que vai continuar, con apoios o máis útiles posible e acompasados ás decisións que Europa vaia tomando”
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, alerta sobre a necesidade de que o sector da automoción en Europa dispoña dun marco regulatorio adaptado á realidade do mercado e das empresas que debería estar xa “inmediatamente aprobado e en aplicación”. Así o manifestou en Nigrán (Pontevedra) durante a súa intervención na clausura do MIG2025-Mobility Innovation Galicia, organizado polo Clúster de Automoción e Mobilidade de Galicia (Ceaga), onde recalcou que “se non damos resposta ás necesidades reais das empresas é probable que se agudice a crise de demanda que xa se está rexistrando na industria e se incremente a perda de produción do mercado actual”, dúas das consecuencias sobre as que xa vén advertindo o sector a nivel europeo, lembrou.
Lorenzana matizou que o que Galicia vén reclamando nas reunións da Alianza de Rexións con Industria de Automoción -a última celebrada o pasado mes de setembro en Munich-, é que se revise o regulamento sobre as normas de CO2 para aproveitar o potencial dos combustibles renovables e neutros en carbono. Así mesmo, tamén solicitou unha flexibilización dos requisitos para distintos segmentos de vehículos e usos nos que os automóbiles eléctricos teñen maiores dificultades de penetración.
Ademais, a conselleira reiterou a necesidade de fomentar a produción local na Unión Europea para evitar a deslocalización das cadeas de valor, de modo que se dea apoio non só aos grandes fabricantes senón, tamén, a toda a industria auxiliar. Este plantexamento, dixo, é o que inspira o Plan Director para o sector aprobado o ano pasado pola Xunta con 230 millóns de euros de investimento ata 2027 e que consiste nun conxunto de medidas que busca dar ás empresas o apoio necesario para a súa adaptación tecnolóxica, para facer investimentos en innovación e sustentabilidade e para reforzar o mercado exterior, entre outras iniciativas. “É unha aposta económica da Xunta que vai continuar”, dixo, con apoios “que sexan o máis útiles posible e o máis acompasados posible ás decisións que Europa vaia tomando”, subliñou na súa intervención.
LANZADEIRA DE 92 STARTUPS
Na clausura do MIG2025-Mobility Innovation Galicia concluíu destacando que a competitividade desta industria radica, precisamente, na capacidade que teña para innovar e facer esa transición cara ao vehículo eléctrico, sen deixar atrás ningún elo da cadea de valor. Ao respecto, ratificou o compromiso da Xunta coa colaboración público-privada e a innovación aberta no sector, e cualificou de imprescindible o labor que en Galicia desempeña a aceleradora BFAuto & Mobility, apoiada pola Administración autonómica nun 85%, e que ten a piques de lanzar a súa novena convocatoria. Segundo indicou, a lanzadeira xa veu nacer 92 startups, das cales un 26% xa exportan a outros países.


























