Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

O impulso ao turismo, as relacións comerciais e o sector empresarial centraron a xuntanza de Rueda co embaixador do Reino Unido, Alex Ellis

  • No encontro que tivo lugar no marco do Foro La Toja abordaron o potencial de crecemento das empresas galegas, que de xaneiro a xullo deste ano incrementaron nun 10,7% as exportacións con destino ao Reino Unido
  • O presidente da Xunta convidou ao embaixador a visitar Galicia no próximo Xacobeo 2027 e puxo en valor a Estratexia de Turismo de Galicia 2030, que prevé un investimento superior aos 1.000 millóns de euros para consolidar un modelo turístico sostible e diversificado
  • O turismo británico, que en Galicia ten unha cuota do 6,5% do mercado internacional, está sendo este ano o de mellor comportamento, cun incremento do 16% en viaxeiros e do 20% en pernoctacións
  • Máis de 12.000 peregrinos do Reino Unido percorreron o Camiño de Santiago nos nove primeiros meses, un 7% máis que no mesmo período de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo no marco do Foro La Toja que se celebrou no Grove, un encontro co embaixador do Reino Unido en España, Alex Ellis, centrado en eidos como o impulso ao turismo, as relacións comerciais e os intereses para o sector pesqueiro galego nese país. Tal e como se puxo de relevo na xuntanza, pese aos desafíos do Brexit as empresas galegas, co apoio da Xunta, reforzaron a súa estratexia de internacionalización e mantiveron a súa competitividade neste mercado estratéxico. Así, de xaneiro a xullo de 2025, Galicia exportou ao Reino Unido un 10,7% máis que no mesmo período do ano anterior.

O mercado británico presenta oportunidades especialmente para empresas de sectores como a automoción e compoñentes; agroalimentario e bebidas; moda e téxtil; naval e bens de equipo; así como enerxías renovables e transición verde e biotecnoloxía e saúde. Na reunión tamén se puxo de relevo a importancia dos caladoiros británicos para a frota pesqueira galega.

O presidente autonómico convidou ao embaixador a visitar a Comunidade no próximo Xacobeo 2027, no que a Administración autonómica xa está a traballar, e puxo en valor a Estratexia de Turismo de Galicia 2030, que prevé un investimento superior a 1.000 millóns de euros para consolidar un modelo turístico sostible e diversificado.

Precisamente, o mercado británico é, dentro dos internacionais, o que mellor comportamento está a ter neste ano 2025, segundo recolle as estatísticas ata o mes de agosto no referido ao segmento hoteleiro. Así, rexistráronse no conxunto dos hoteis e pensións de Galicia un total de 72.000 viaxeiros británicos aloxados e 123.000 pernoctacións, o que supón un incremento do 16% en viaxeiros e do 20% en noites, en comparación co mesmo período do ano pasado.

Cunha cuota de participación do 6,5% do mercado internacional, o turismo británico está a aumentar en Galicia. En canto ao Camiño de Santiago, máis de 12.000 peregrinos do Reino Unido xa o percorreron no que vai de ano (un 7% máis que en 2024).

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia