Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

Lorenzana defende o modelo de mesturar innovación e sustentabilidade co obxectivo dun tecido empresarial altamente competitivo

  • A conselleira de Economía e industria participou na inauguración das novas instalacións de Birdmind no polígono do Campiño, firma que fabrica mobiliario feito con residuos agrícolas e que patentou un tipo de taboleiro elaborado con cáscaras de arroz

  • María Jesús Lorenzana destacou que os programas de impulso á sustentabilidade postos en marcha pola Xunta de Galicia están dotados con case un millón de euros

  • Lembrou que o Igape contará por primeira vez na súa historia cunha área específica de innovación ligada ás pemes, cun orzamento de 60 millóns de euros

  

Na inauguración das novas instalacións da empresa Birdmind no polígono do Campiño, en Pontevedra, a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, avogou por mesturar a innovación e a sustentabilidade para impulsar a competitividade do tecido empresarial. Así o manifestou na súa intervención no acto que tivo lugar na planta desta firma pontevedresa especializada na fabricación de mobiliario elaborado con residuos agrícolas para o sector retail, e que patenta un tipo de taboleiro feito con cáscaras de arroz. “Unha empresa -dixo Lorenzana- que soubo ver as posibilidades infinitas da economía circular e fixo diso o seu modelo de negocio”.

Durante a visita, na que estivo acompañada polo secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, a conselleira fixo fincapé en que “nun mercado global coma o que estamos, é imprescindible que unha empresa ofreza un valor engadido” que a diferencie do resto de produtos que hai no mercado.

Neste sentido, sinalou que a competitividade do tecido produtivo se basea en dous piares fundamentais, como son “o traballo conxunto do sector privado -neste caso do contract- e a colaboración público-privada”, e “o valor innovador, pois é a base de todo no mercado global”, apuntou.

IMPULSO Á SUSTENTABILIDADE

Ademais, María Jesús Lorenzana destacou o apoio da Xunta de Galicia con case 1 millón de euros para programas de impulso á sustentabilidade e sinalou que “isto é unha mostra do que deben de facer as administracións; ofrecer ás empresas unha solución alternativa ao que fan as entidades financeiras e complementarnos”.

Así, lembrou que o Igape contará por “primeira vez na historia” cunha área específica de innovación dotada con 60 millóns de euros ligada ás pequenas e medianas empresas, e ademais, “continuaremos traballando coa rede de aceleradoras como ata o de agora”, subliñou.

Finalmente, a conselleira de Economía e Industria mostrou o orgullo do Goberno galego por formar parte de proxectos como o de Birmind, “que se poden facer realidade con fondos públicos”, e destacou que “o crecemento de Galicia pasa, en definitiva, polo crecemento das empresas”.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia