Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

A Oficina Económica de Galicia contará cunha sede en Madrid para reforzar a implantación de empresas e a captación de investimentos

  • A conselleira de Economía e Industria avanzou nun encontro con representantes de Aegama que a Xunta vai iniciar os trámites para esta apertura que terá como emprazamento a Casa de Galicia en Madrid, a mediados de 2025

  • María Jesús Lorenzana remarcou que o Goberno galego da un paso máis abrindo a primeira oficina fóra de Galicia para seguir simplificando o camiño ás empresas que queiran investir na Comunidade

  • No acto coa Asociación de Empresarios Galegos en Madrid que preside Julio Lage, a conselleira precisou que a Oficina Económica atendeu preto de 12.000 consultas en apenas sete meses, o que constata a necesidade dun servizo de atención especializada dirixido ao sector empresarial

  • Incidiu en que para o crecemento de Galicia, da súa economía e da súa industria, “son vitais as empresas e é responsabilidade das Administracións facilitarlles as condicións apropiadas para o seu asentamento”

  

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, anunciou que a Xunta iniciará os trámites para abrir nas instalacións da Casa de Galicia en Madrid unha nova sede da Oficina Económica de Galicia coa previsión de que estea en funcionamento a mediados de 2025. O obxectivo, dixo, é “reforzar a implantación empresarial e a captación de investimentos” para contribuír á chegada de empresas á Comunidade.

Lorenzana, que mantivo un encontro con representantes da Asociación de Empresarios Galegos en Madrid (Aegama), subliñou que con esta iniciativa, o Goberno galego da un paso máis abrindo a primeira oficina fóra de Galicia que permitirá continuar coa desburocratización como estratexia chave da política económica do Goberno galego. “A Xunta busca converterse nunha Administración amigable para o tecido produtivo e dar unha resposta áxil, rápida e útil”, expresou a conselleira.

Durante a súa intervención, María Jesús Lorenzana avanzou que desde a entrada en funcionamento o pasado mes de abril, a Oficina Económica de Galicia, dependente do Igape, leva atendidas 11.898 consultas, e máis dun 80% resoltas no acto. Ademais, xa se levan concertado 517 reunións de asesoramento empresarial, para entre outros asuntos, abordar 179 proxectos de especial relevancia.

“Estamos falando xa de case 12.000 consultas atendidas en apenas sete meses, unha mostra clara do éxito que está a ter esta iniciativa e mostra tamén do necesario que era dotar á Administración autonómica dun servizo de atención especializada a empresas e próxima a empresas”, subliñou.

PUNTO DE ATENCIÓN PERSONALIZADO

A Oficina Económica de Galicia funciona coma unha canle única para a empresa e a industria e como punto de contacto de información e entrada para as iniciativas empresariais e os proxectos industriais. É dicir, “un punto de atención personalizado onde encontrar o que as empresas precisan, asesoramento e acompañamento para a posta en marcha dos seus proxectos”, destacou.

Neste sentido, María Jesús Lorenzana, apuntou que para o crecemento de Galicia, da súa economía e da súa industria, “son vitais as empresas e é responsabilidade das Administracións facilitarlles as condicións apropiadas para o seu asentamento”.

Así mesmo, no marco da política económica e industrial que está a levar a cabo a Xunta, explicou que para o 2025 se incrementa o orzamento do Igape un 20% (ata os 278 millóns de euros) para seguir traballando en áreas fundamentais para o crecemento e a consolidación do tecido produtivo a través da competitividade, a innovación, a internacionalización e o financiamento.

Finalmente, a titular de Economía e Industria remarcou que o obxectivo do Goberno galego é posicionar a Galicia como destino atractivo e diferenciado para o investimento, atraer e facilitar a implantación de novos investimentos na Comunidade, seleccionar e captar os investimentos que complementen as cadeas de valor, e favorecer o mantemento e ampliación dos xa existentes.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia