Consellería de Economía e Industria
Aegama incorpórase á rede de entidades colaboradoras da Xunta para atraer investimentos a Galicia e reforzar as exportacións a China
-
A conselleira de Economía e industria, María Jesús Lorenzana, e o presidente da Asociación de Empresarios Galegos en Madrid, Julio Lage, asinaron un protocolo de colaboración que permitirá complementar o labor da antena comercial do Igape en China
-
Entre os obxectivos do acordo destacan a detección de oportunidades de negocio, a interacción entre empresas galegas e chinesas, a organización de misións comerciais e de programas de formación, así como a realización de estudos para identificar sectores chave
-
Lorenzana subliñou o gran potencial que ofrece o mercado chinés para as empresas galegas e lembrou que na Comunidade xa hai preto de 300 exportadoras con presenza no xigante asiático
-
As exportacións galegas a China sumaron 234 millóns de euros en 2023, cun crecemento acumulado do 25% en tres anos, e cos sectores agroalimentario, químico, téxtil, metalmecánico, forestal e da automoción liderando esas transaccións
A Xunta acaba de incluír á Asociación de Empresarios Galegos en Madrid (Aegama) na súa rede de colaboradores para atraer investimentos e impulsar as exportacións a China dentro da súa aposta por reforzar a presencia das empresas galegas no mercado asiático. Neste marco, a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, e o presidente de Aegama, Julio Lage, asinaron un protocolo de colaboración que permitirá complementar a labor que xa desenvolve a antena comercial na China.
En virtude deste acordo fomentaranse as oportunidades de negocio e a internacionalización con accións para a mellora e o fomento do desenvolvemento de relacións comerciais e de negocio entre empresas galegas e chinesas. A detección de oportunidades de negocio facilitando a interacción das empresas interesadas en establecer relacións comerciais e movementos de empresas entre China e a comunidade galega; a organización de feiras e misións comerciais; programas de formación e capacitación para as empresas; así como estudos e análises de mercado que identifiquen oportunidades e sectores chave para a cooperación empresarial forman parte das medidas deseñadas pola Xunta e Aegama.
Tras a firma do protocolo, Lorenzana recordou que dentro da estratexia de internacionalización do Goberno galego, o Igape puxo en marcha as Antenas Empresariais, que axudan a impulsar a cantidade e a calidade das exportacións galegas, a diversificación de mercados, a internacionalización dixital e a formación e posta a disposición da empresa galega o talento internacional.
O despregamento destas antenas faise en mercados de importancia mundial e en prazas estratéxicas coma China, Xapón, Estados Unidos, Marrocos, México ou os Emiratos Árabes Unidos.
CHINA, MERCADO ESTRATÉXICO
En concreto, a conselleira subliñou o gran potencial da China para o tecido empresarial galego, tanto pola súa dimensión coma polo seu valor estratéxico, motivo polo cal o Igape incrementou alí a presenza das empresas galegas a través da súa Antena na China, que actúa coma un instrumento de apoio para a súa internacionalización e para a busca de máis oportunidades de negocio.
Mostra disto é que en 2023 (últimos datos anuais), as exportacións galegas a China acadaron os 234 millóns de euros, cun crecemento do 25% respecto ao ano 2020; e a cifra total de empresas galegas exportadoras foi de 291. Por sectores destaca o agroalimentario, as industrias químicas, o téxtil, o metalmecánico, o da madeira-forestal e o da automoción.