Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

A oferta de solo industrial de promoción pública crecerá en Galicia en máis de un millón de metros cadrados nos vindeiros tres anos

  • A directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, avanzou que a Xunta está a desenvolver na actualidade máis de cinco millóns de metros cadrados
  • Precisou que Xestur ten en marcha 25 actuacións en 23 polígonos industriais galegos, das que 15 son tramitacións de novos instrumentos de ordenación de solo empresarial
  • Agora mesmo hai dispoñibles un total de 147 parcelas de uso industrial que son titularidade de Xestur, cunha superficie total de 339.800 metros cadrados
  • Margarita Ardao sinalou que de cara aos vindeiros anos, a Xunta continuará desenvolvendo novos parques empresariais naquelas localizacións nas que se detecte unha importante demanda de solo empresarial

A directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, avanzou que nos vindeiros tres anos a Xunta vai poñer á disposición das empresas máis de un millón de metros cadrados de solo industrial de promoción pública, dos máis de cinco millóns que está a desenvolver actualmente. Nunha comparecencia a petición propia en comisión parlamentaria, Ardao precisou que, actualmente, Xestión do Solo de Galicia (Xestur) está a desenvolver 25 actuacións en 23 polígonos industriais galegos. Destas actuacións, 15 son tramitacións de novos instrumentos de ordenación de solo empresarial (Peose), sete son proxectos de urbanización con distinto grao de tramitación, e tres son actuacións que actualmente están en fase de obra.

Teñen o seu Peose en diferentes fases de tramitación os polígonos da Sionlla, Cabana de Bergantiños, Carballo (fases A e B), Coristanco e Santa Comba, na provincia da Coruña; na de Lugo, O Corgo e Xove; na de Ourense, o parque empresarial do Carballiño-Maside, Paderne de Allariz e Pereiro de Aguiar; e en Pontevedra, os do Campiño, Mos-Redondela, Fragamoreira, Toedo (A Estrada) e a Plisan.

Os proxectos de urbanización que están en tramitación son a fase D de Arteixo (Morás), na Coruña; a fase VIIb das Gándaras; Meira e Palas de Rei, en Lugo; o do polígono de San Cibrao, en Ourense; e os de Lalín e Pontecaldelas, en Pontevedra. Por outra banda, están en execución as obras de urbanización da fase C do polígono de Arteixo; as fases IV, V e VIIa das Gándaras, en Lugo; e o de Xinzo de Limia, en Ourense.

A directora xeral indicou que, de cara aos vindeiros anos, Xestur continuará desenvolvendo novos parques empresariais naquelas localizacións nas que se ten detectada unha importante demanda de solo empresarial. Neste momento, engadiu, as parcelas de uso industrial dispoñibles en toda Galicia de titularidade de Xestur son 147, que suman unha superficie de máis de 339.800 metros cadrados. No que respecta ás adxudicacións que se levan feito en réxime de bonificacións no prezo do 30 e o 50 por cento, apuntou que desde 2015 foron un total de 2.690.599 metros cadrados en 720 parcelas a un total de 556 empresas, por un valor de 90.882.678 euros.

NOVAS FIGURAS DE ACCESO AO SOLO

Na súa intervención, Margarita Ardao explicou que para reforzar o apoio ao desenvolvemento de solo empresarial, a Xunta de Galicia leva promovido distintas medidas de apoio á adquisición das parcelas, ademais das bonificacións e a flexibilización das condicións do réxime de dereito de superficie. Mencionou, así, a creación de novas figuras de acceso ao solo que permiten que sexa a iniciativa privada a que desenvolva o solo empresarial de forma áxil a través de consorcios.

Nos últimos anos, detallou, executáronse outras medidas para mellorar as áreas empresariais de Galicia, entre as que cabe salientar o investimento de máis de 27 millóns de euros en axudas para a mellora de infraestruturas, electrificación dos parques empresariais, ou dirixidas á mellora da seguridade, á competitividade e á obtención de certificacións e selos de calidade.

O fin último destas actuacións é poñer a disposición das empresas solo empresarial a baixo custo “para atraer novos investimentos a Galicia, que permitan incrementar a actividade empresarial e a creación de emprego”, concluíu.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia