Consellería de Economía e Industria
A conselleira de Economía e Industria defende o modelo de internacionalización a “dobre vía”: en exportacións e en captación de investimentos
-
María Jesús Lorenzana participou no encontro de despedida aos 47 bolseiros do programa de internacionalización do Igape, que nesta convocatoria conta cun orzamento de 3 millóns de euros
-
Os participantes vanse especializar en comercio exterior con estadías de ata 22 meses nas antenas do Igape, nas sedes do ICEX no estranxeiro e nos clústeres, centros tecnolóxicos e cámaras de comercio de Galicia
-
A conselleira avogou por avanzar na desregulación, na desburocratización e en facilitar a actividade do tecido empresarial, e destacou o esforzo da Xunta por ofrecer solo industrial gratuíto e avanzar na autonomía estratéxica vinculando todo o desenvolvemento enerxético da Comunidade co da industria
No encontro de despedida aos mozos e mozas que participan no programa de bolsas de internacionalización do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, subliñou a vontade da Xunta de seguir impulsando a internacionalización da economía, tanto para aumentar a presenza de empresas galegas no mercado exterior como para incentivar a captación de investimentos cara a Galicia. Nesta convocatoria, o programa para bolseiros en comercio exterior recibiu a contía máis alta de orzamento, 3 millóns de euros, e contou con 91 solicitudes e un total de 47 beneficiarios.
A iniciativa ofrécelles aos participantes a posibilidade de especializarse en comercio exterior con estadías de ata 22 meses nas antenas do Igape e nas sedes do ICEX no estranxeiro, así como tamén nos clústeres, centros tecnolóxicos e cámaras de comercio de Galicia. Concretamente, 18 dos 47 bolseiros desta edición irán a Aclunaga, Anfaco, Asime, Bioga, CITIC (Centro de Investigación en TIC), Clúster Audiovisual Galego (CLAG), Clusaga, Cluster da Loxística, Clúster TIC, Clúster de Turismo, Clúster Saúde de Galicia, Gradiant, e ás Cámaras de Comercio de Santiago, Vigo e A Coruña.
Outros 29, desprazaranse ao estranxeiro: sete, ás antenas do Igape en México (2 persoas), Miami, Dubai, Tokio e Casablanca (2 persoas); un á Cámara de Comercio de España en Santiago de Chile; e 21 ás oficinas do ICEX en todo o mundo, o que supón un récord de presenza de bolseiros Igape na Rede de Oficinas Económicas e Comerciais no Exterior do Ministerio de Economía, Comercio e Empresa, “o cal fala moi ben do recoñecemento que ten este programa despois de 30 anos de convocatorias”, matizou a conselleirade Economía e Industria no acto cos bolseiros.
DOBRE VÍA EXTERIOR
“A internacionalización témola que ver nunha dobre vía: esa vía de saír ao exterior pero tamén, sen lugar a dúbidas, pensando que nese mercado global Galicia está competindo e, polo tanto, temos que ser quen de atraer produtos, empresas e investimentos do estranxeiro cara á comunidade”, remarcou.
María Jesús Lorenzana asegurou que ese é un dos obxectivos nos que está traballando o Goberno galego, conscientes -dixo- de que “o que precisa unha empresa cando vén investir a un territorio é un Goberno que facilite esa instalación”. Avogou, así, por avanzar na desregulación, na desburocratización e en facilitar ao máximo a actividade do tecido empresarial. Nesta liña, destacou o esforzo da Xunta por ofrecer solo industrial gratuíto e de forma rápida, e tamén por avanzar na autonomía estratéxica vinculando todo o desenvolvemento enerxético da Comunidade co da industria.