Consellería de Economía e Industria
Rueda sitúa “o mellor aval” de Stellantis Vigo nos históricos rexistros de produtividade e na capacidade innovadora da planta
-
Conclúe que esas fortalezas da factoría de Balaídos quedan constatadas no feito de ser adxudicataria dos modelos máis avanzados da marca en plena transformación cara á electrificación
-
Nun encontro cos responsables de Stellantis Vigo, acompañado pola conselleira de Economía e Industria, o presidente da Xunta enxalzou os rexistros da planta en 2023: 531.000 unidades producidas (+31,5%), dos que un 13% son vehículos eléctricos
-
Rueda lembrou que da factoría viguesa saen máis da quinta parte -o 22%- dos vehículos fabricados polo grupo no conxunto de España
-
Afirma que esas cifras son “as mellores credenciais” de Stellantis Vigo, que define como “a cabeza de todo un sector en Galicia” que o pasado ano conseguiu máximos históricos en facturación e exportacións
-
Trasladou “todo o compromiso que, desde sempre, a Xunta leva amosado con esta industria estratéxica”, formada por máis de 200 empresas e case 25.000 empregos
-
Desde o ano 2010, a Xunta leva apoiado a Stellantis Vigo cun investimento público de 93,2 M€ en axudas, orientadas en especial ao dobre reto da progresiva implantación da fábrica intelixente e da electrificación
-
Na súa visita ás instalacións de Balaídos, Alfonso Rueda destacou o ambicioso Plan director da automoción, que inxectará no sector máis de 230 M€ entre os anos 2024 e 2027
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado pola conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, mantivo un encontro cos responsables da planta de Stellantis en Vigo para abordar os novos plans de innovación previstos na factoría de Balaídos. Nunha xuntanza co director da planta, José Luis Alonso Mosquera, Rueda constatou que o mellor aval da factoría viguesa está nos seus históricos rexistros de produtividade e na capacidade innovadora que a leva feito adxudicataria dos modelos máis avanzados da marca en plena transformación cara á electrificación.
Na xuntanza desenvolvida na factoría de Balaídos, o presidente da Xunta lembrou que, a pesar das dificultades do contexto internacional, a planta viguesa é a que máis vehículos produce do grupo en España. Así, indicou que en 2023 fabricou o 22% dos vehículos producidos no conxunto do país: 531.000 unidades, un 31,5% máis que o ano anterior, dos que un 13% son automóbiles cen por cento eléctricos.
Isto, dixo Rueda, son as mellores credenciais da planta de Stellantis en Vigo, que é a cabeza de todo un sector en Galicia que o pasado ano conseguiu máximos históricos en cifras de negocio e exportacións: a facturación das empresas acadou os 13.000 M€, un 12% máis que o ano anterior; e as vendas ao exterior bateron un récord ao situarse nos 9.400 M€, un 14% máis en relación a 2022, o que supón o 31,3% do total de exportacións de Galicia. As vendas de compoñentes, de feito, creceron máis que o conxunto do sector, un 18%, ata os 2.050 M€.
MÁXIMO COMPROMISO DA XUNTA
Rueda quixo trasladar todo o compromiso que, desde sempre, a Xunta leva amosado con esta industria estratéxica para a economía galega, que abrangue en Galicia máis de 200 empresas e preto de 25.000 empregos. Ao respecto, lembrou que o Goberno galego vén de anunciar un investimento de máis de 230 M€ para o sector entre 2024 e 2027, no marco do Plan director da automoción.
En concreto, apuntou que, desde o ano 2010, a Xunta leva apoiado a Stellantis Vigo cun investimento público de 93,2 M€ en axudas, fundamentalmente orientadas ao gran reto que ten por diante a industria da automoción, que é a progresiva implantación da fábrica intelixente e a electrificación. Rueda concluíu poñendo en valor o labor do persoal que traballa na factoría de Balaídos polo seu grao de capacitación e compromiso.