Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

A XUNTA INXECTA MÁIS DE 3 MILLÓNS DE EUROS EN DÚAS LIÑAS DE AXUDAS PARA PROMOVER A INTERNACIONALIZACIÓN DE PEMES E AUTÓNOMOS GALEGOS

• Rueda destaca que a nova convocatoria dos programas Galicia Exporta Empresas e Organismos Intermedios ten como obxectivo que as empresas galegas “sigan batendo récords de exportacións e abríndose a novos mercados”

• Os novos estímulos en comercio exterior coinciden cun novo teito das exportacións galegas, que de xaneiro a xullo chegaron á cifra histórica de 17.374 millóns de euros

• O presidente da Xunta detalla que as achegas económicas buscan promover actividades “de difusión no exterior”, como campañas publicitarias e asistencia a feiras, co reto de mellorar o posicionamento das empresas galegas no mercado internacional

• Os dous apoios súmanse ao programa Galicia Exporta Dixital, que permite ás pemes avanzar nos seus procesos de internacionalización a través de ferramentas innovadoras

• Rueda precisou que desde a posta en marcha do Galicia Exporta Empresas, no ano 2016, a Xunta ten apoiado “preto de 1.500 plans de promoción internacional”, cunha axuda global de 30,5 M€

• Ademais hai que engadir outros 8,7 M€ e 165 iniciativas promovidas a través do Galicia Exporta Organismos Intermedios

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou dunha nova convocatoria de dúas liñas de axudas -Galicia Exporta Empresas e Galicia Exporta Organismos Intermedios- para promover a internacionalización de pemes e autónomos galegos. “Serán 3 millóns de euros para costear accións realizadas ao longo deste ano 2023”, explicou.

Rueda resaltou que estas achegas van dirixidas tanto a empresas como a clústeres, asociacións empresariais ou consellos reguladores. O presidente indicou que o obxectivo é que as empresas galegas sigan exportando e “abríndose a novos mercados”. Nesta liña, destacou que nos primeiros sete meses de 2023 bateuse un novo récord de exportacións ao chegar “á cifra histórica de 17.374 M€”.

Para iso as axudas buscan impulsar actividades “de difusión no exterior” coma campañas publicitarias e a participación en feiras internacionais, así como accións específicas “para aumentar as exportacións e adaptar os produtos ás demandas dos países” onde se van vender.

APOIOS MÁXIMOS DE 95.000 E DE 400.000 EUROS

As axudas, que se poderán solicitar durante un mes desde o día seguinte á publicación no Diario Oficial de Galicia, cobren as actuacións que se celebren desde o 1 de xaneiro de 2023 ata o 15 de decembro de 2023. O apoio máximo por solicitude e beneficiario chega, no caso do Galicia Exporta Empresas, ata os 95.000 euros e no de Organismos Intermedios, aos 400.000.

O obxectivo destas liñas, impulsadas pola Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través do Igape e no marco da Estratexia de Internacionalización, é apoiar a saída ao exterior do tecido empresarial galego, especialmente de pemes e establecementos comerciais, mediante novas canles de comercialización.

Un marco no cal tamén se activará proximamente unha nova convocatoria do Galicia Exporta Dixital, pois o desenvolvemento das tecnoloxías dixitais supón un enorme potencial para a mellora da competitividade nos mercados internacionais no actual contexto económico. O obxectivo é permitir ás empresas apoiarse en ferramentas innovadoras para acceder aos mercados exteriores.

Neste sentido, tal e como destacou o presidente, desde a posta en marcha do Galicia Exporta Empresas, no ano 2016, “téñense apoiado preto de 1.500 plans de promoción internacional”, con accións de difusión e asistencia a feiras ou prospección de novos mercados, cunha media de participación de máis de 240 empresas ao ano, o que supuxo unha axuda total ata a data de 30,5 M€.

Cifras ás que se suman os máis de 8,7 M€ e 165 iniciativas promovidas a través do Galicia Exporta Organismos Intermedios. Pola súa banda, o Galicia Exporta Dixital ten beneficiado xa a máis de 400 empresas por importe de máis de 14 M€ e un investimento inducido de 17,6 M€.

TEITO EXPORTADOR

Todas estas accións englóbanse na Estratexia de internacionalización que está a promover o Goberno galego e que ten como principais claves a aposta pola dixitalización e a diversificación dos mercados exportadores. Grazas a este esforzo conxunto, Galicia segue a bater os seus rexistros de exportacións.

Así, a Comunidade sumou nos sete primeiros meses de 2023 vendas ao exterior por valor de 17.374 M€, o que supón un récord histórico, e un 2,5 % máis en comparación co período homólogo de 2022. A balanza comercial galega acumula en sete meses un saldo positivo de 5.332,1 M€ (773 millóns en xullo), cifra que duplica a obtida o primeiro semestre de 2022 e que contrasta co saldo comercial de España, o cal segue arroxando un resultado negativo.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia