Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

LORENZANA EXALTA O ALTO NIVEL DE CALIDADE, DIFERENCIACIÓN E COMPETITIVIDADE DO CONTRACT GALEGO, QUE DEFINE COMO UN “SECTOR DE SECTORES”

. A conselleira de Economía, Industria e Innovación participou en Oleiros na inauguración da XIII Semana Internacional Contract Galicia

. Vinculou o dinamismo e as potencialidades do sector coa aposta pola innovación e co avance no uso de materiais máis sustentables

. María Jesús Lorenzana remarcou a transversalidade e o espírito asociativo e de cooperación entre empresas, organismos e entidades, o que permite abordar proxectos conxuntos de proxección internacional

. O contract galego está impulsado por un centenar de empresas galegas, que xa asinaron máis de mil proxectos en 600 cidades dos cinco continentes

. A XIII Semana Internacional amosa as novas tendencias en aspectos clave como a sustentabilidade, a eficiencia enerxética, o ecodeseño, a ecoinnovación ou os novos materiais

O contract galego, en pleno crecemento e xerador de tendencias a nivel internacional, volve a exhibir unión e cooperación, desta volta na cita da XIII Semana Internacional Contract Galicia que se celebra en Oleiros. Neste encontro sectorial, a conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, destacou no acto inaugural o alto nivel de calidade, diferenciación e competitividade conseguido polas firmas galegas nesta actividade, logro que, en gran medida, se debe á aposta pola innovación e o avance no uso de materiais máis sustentables.

Na súa intervención, a conselleira definiu o contract como “sector de sectores” e subliñou tanto a súa transversalidade como o espírito asociativo e de cooperación que o define, agrupando tanto a empresas como organismos e entidades que permiten abordar proxectos conxuntos con maior proxección internacional.

PRESENZA EN 100 PAÍSES

Precisamente, Lorenzana explicou que máis dun centenar de empresas galegas forman parte deste sector e están presentes en 100 países, con máis de 1.000 proxectos realizados en 600 cidades de todo o mundo. O acto celebrouse na Boutique Hotel Noa de Oleiros, un espazo que para a conselleira é un bo exemplo das cualidades do contract galego e que amosa as últimas tendencias en sustentabilidade, eficiencia enerxética, ecodeseño, ecoinnovación ou novos materiais. Lorenzana finalizou expresando a confianza en que este foro anual permita entablar futuros proxectos de negocio para que o sector galego poida continuar coa súa expansión no mercado internacional.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia