Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

Lorenzana compromete na reunión do comité de seguimento de Alcoa que a Xunta vixiará que a compañía cumpra o acordo asinado e ofrece apoio na busca dun comprador

  • A conselleira de Economía, Industria e Innovación en funcións incide na importancia de garantir “seriedade” e “solvencia” nas empresas con interese por adquirir a planta

  • Tamén salienta a transcendencia de que a compañía siga a traballar con normalidade, cumprindo os investimentos comprometidos, para garantir a viabilidade e a competitividade da fábrica nesta fase crave

  • Lorenzana precisa que Xunta e Goberno central coinciden en pedir “concreción” nos prazos do proceso de compravenda e que Alcoa conta ter posibles ofertas vinculantes a mediados de xuño

  • Xunta, Goberno central e Alcoa manterán unha nova xuntanza a vindeira semana, coa intención de comezar o exame de ofertas

A conselleira de Economía, Industria e Innovación en funcións, María Jesús Lorenzana, insistiu en que a Xunta vai vixiar de preto que Alcoa cumpra o acordo asinado e puxo á súa disposición os servizos do Instituto Económico de Galicia (Igape) e da Secretaría Xeral de Industria na busca dun eventual comprador. Lorenzana participou na reunión do comité de seguimento de Alcoa, na que estiveron presentes, tamén, representantes do Goberno central, da empresa e dos sindicatos.

Segundo indicou a conselleira, tanto por parte da Xunta como do Executivo, o que se pediu foi “concreción” nos prazos, tendo en conta que, tal e como se expuxo na reunión, Alcoa conta con ter a mediados do mes de xuño, de darse o caso, ofertas vinculantes de compradores, avanzou.

ACORDO DE CONFIDENCIALIDADE

María Jesús Lorenzana incidiu na importancia de garantir a “seriedade” e a “solvencia” das empresas con interese por adquirir a planta. E, nese sentido, apuntou que Xunta, Goberno central e Alcoa quedaron emprazadas a unha nova reunión a vindeira semana para ver as posibilidades de asinar un acordo de confidencialidade que dea amparo á comunicación entre a empresa e os dous gobernos, e que se comece a traballar no exame das ofertas.

Xunto con isto, volveu exixir á compañía que continúe traballando con normalidade, cumprindo o acordo e os investimentos comprometidos -nomeadamente o forno de ánodos-, que son imprescindibles para garantir a viabilidade e a competitividade da fábrica e, sobre todo, para que, se hai un novo comprador, colla a planta nas mellores condicións posibles.

“A Xunta continuará apoiando ao comité de empresa nestas reivindicacións e vixiante para que a empresa garanta ese mantemento da actividade industrial e dos postos de traballo que son fundamentais para o futuro industrial da Mariña e de toda Galicia”, asegurou.

 

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia