Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

Lorenzana adianta que Galicia contará cunha estratexia aeroespacial no ámbito da seguridade e defensa

  • Permitirá que empresas dos sectores da automoción, naval, metal, TIC ou loxística poidan ter tecnoloxías duais integrables na industria da seguridade e defensa
  • A conselleira de Economía e Industria visitou en Valga as novas instalacións loxísticas de Urovesa, “empresa tractora” que definiu como “líder e referente”
  • María Jesús Lorenzana lembrou que a Comunidade galega suma 115 centros de traballo dedicados ao sector da defensa e seguridade, e estima que outras 150 empresas teñen “potencial para incorporarse a este ámbito industrial” nos próximos anos

Nunha visita en Valga ás novas instalacións loxísticas de Urovesa, a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou o papel da nova Estratexia de Seguridade e Defensa da Xunta que ten o obxectivo de “continuar potenciando este sector chave e con moito potencial en Galicia", dixo. Lorenzana avanzou que a Xunta vai “comezar os traballos de xeito inmediato para aprobar unha estratexia aeroespacial pero no ámbito da seguridade e da defensa”. A iniciativa consistirá en que empresas do sector da automoción, do naval, do metal, das TIC ou da loxística “poidan ter tecnoloxías duais que se integren e que teñan oportunidades dentro deste sector”, apuntou.

Nesta liña, subliñou que actualmente “temos unha industria e un coñecemento dentro da Comunidade Autónoma”, con 115 centros de traballo xa dedicados ao sector da Defensa e da Seguridade, “pero estimamos que nos vindeiros anos, unhas 150 empresas teñen potencial en Galicia para incorporarse a este ámbito industrial”.

Finalmente, María Jesús Lorenzana puxo en valor que Urovesa é unha empresa tractora, líder neste sector e que supón o 1% do sector da Seguridade a da Defensa en España, o que representa “un orgullo e un referente para esta industria en Galicia”, sinalou.

Ademais, a conselleira de Economía e Industria destacou o “crecemento sostido e intelixente” de Urovesa, que neste momento conta cunhas instalacións que dan traballo a case 200 persoas, “pero sobre todo é moi importante o emprego auxiliar que está xerando, pois por cada posto de traballo -da compañía-, son catro ou cinco postos de traballo máis na externalización”, precisou Lorenzana.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia