Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

A Xunta identifica Galicia Calidade como “símbolo de recoñecemento e prestixio” e como reflexo da creatividade e competitividade das empresas galegas

  • A directora do Igape, Covadonga Toca, participou en Madrid no encontro “Galicia, marca registrada”, no que puxo en valor a identidade propia de Galicia, asociada á calidade, ao talento e ás capacidades das súas empresas
  • Enxalzou a comunicación como ferramenta estratéxica para reforzar a competitividade empresarial e fortalecer a proxección da Marca Galicia nos mercados nacionais e internacionais
  • Destacou a aposta da Xunta pola incorporación da innovación e das novas tecnoloxías ao tecido produtivo, en liña coas prioridades da nova Estratexia Galega de Innovación

A directora do Igape, Covadonga Toca, destacou en Madrid a importancia da comunicación como ferramenta estratéxica para reforzar a competitividade das empresas galegas e fortalecer a proxección da Marca Galicia nos mercados nacionais e internacionais. Fíxoo na inauguración do encontro “Galicia, marca registrada”, organizado polo Clúster da Comunicación de Galicia na Casa de Galicia en Madrid, que reuniu marcas, empresas e profesionais da comunicación, o márketing e a creatividade para explorar novas oportunidades de colaboración e negocio.

Durante a súa intervención, Toca Carús puxo en valor a identidade propia de Galicia, asociada á calidade, ao talento e á capacidade das súas empresas para competir dentro e fóra das nosas fronteiras. Neste sentido, destacou o papel de Galicia Calidade como símbolo de recoñecemento e prestixio, incidindo en que a orixe pode converterse nunha vantaxe competitiva para as empresas.

Na súa intervención, a directora do Igape subliñou que a comunicación e o márketing deben formar parte da estratexia empresarial, especialmente no caso das pequenas e medianas empresas, xa que contribúen a mellorar o seu posicionamento, conectar con novos clientes, atraer talento e acceder a novos mercados. Así mesmo, salientou a importancia da colaboración entre marcas e axencias para transformar a creatividade en resultados reais para o negocio.

Covadonga Toca referiuse tamén aos retos e oportunidades que a transformación dixital e a intelixencia artificial están abrindo no ámbito da comunicación, permitindo coñecer mellor os mercados, personalizar as mensaxes e mellorar a eficacia das estratexias empresariais. Neste contexto, destacou a aposta da Xunta pola incorporación da innovación e das novas tecnoloxías ao tecido produtivo, en liña coas prioridades da nova Estratexia Galega de Innovación, que busca achegar estas ferramentas a un maior número de empresas para reforzar a súa competitividade.

Finalmente, puxo en valor o traballo do Clúster da Comunicación de Galicia como exemplo de colaboración empresarial, destacando o seu papel no impulso á innovación e na visibilidade do talento creativo galego. E reafirmou o compromiso da Xunta, a través do Igape, cos clústeres como aliados estratéxicos para xerar novas oportunidades de negocio e fortalecer a Marca Galicia, proxectando a creatividade e a competitividade das empresas galegas.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia