Consellería de Economía e Industria
Lorenzana anima ao tecido empresarial galego a “non frear ante a incerteza e a seguir innovando e abríndose a novos mercados para non perder competitividade”

- A conselleira de Economía e Industria clausurou o XII Encontro para directivos/as líderes -100 Consellos Santander 2026, celebrado en Santiago de Compostela
- Defendeu a función de acompañamento que debe facer a Administración creando as condicións para o investimento empresarial e a creación de emprego “con menos obstáculos, menos burocracia e máis entendemento”
- María Jesús Lorenzana referiuse á captación e retención de talento como “un reto clave do liderado empresarial”, e mencionou as dificultades que afrontan as empresas para atopar profesionais cualificados
- No encontro organizado polo Banco Santander participaron referentes empresariais como Ignacio Juliá, CEO de Santander España; Mercedes Oblanca, presidenta e CEO de Accenture en España e Portugal; Manuel Pizarro, ex presidente de Endesa; e Julio Castro, CEO de Iberdrola Renovables
Durante a súa intervención na clausura do XII Encontro para directivos/as líderes -100 Consellos Santander 2026, a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, animou ao tecido empresarial galego a non frear ante a incerteza e a seguir innovando e abríndose a novos mercados para non perder competitividade. Neste acto organizado en Santiago de Compostela polo Banco Santander, a titular de Economía e Industria no Goberno galego reivindicou ademais a función de acompañamento que debe facer a Administración creando as condicións “para que as empresas poidan investir, crecer e crear emprego con menos obstáculos, menos burocracia e máis entendemento”, asegurou.
Tal e como expresou María Jesús Lorenzana, “as empresas necesitan respostas áxiles” e, nese contexto, enmarcou o novo programa da Xunta, Galicia Industria 360, para facilitar, ademais de solo industrial, naves e vivendas “para a máis rápida implantación dos proxectos empresariais”.
Na súa intervención situou, por outra banda, a captación e a retención de talento como un reto clave do liderado empresarial, e mencionou as dificultades que afrontan actualmente as empresas para atopar profesionais cualificados. “Liderar ten moito que ver coas persoas, con saber escoitar, explicar e xerar confianza”, concluíu.
Nos dous primeiros bloques do XII Encontro para directivos/as líderes -100 Consellos Santander 2026 interviñeron Mercedes Oblanca, presidenta e CEO de Accenture en España e Portugal; Ignacio Juliá, CEO de Santander España; Germán Viso, conselleiro de Finsa; e Eva Ivars, CEO de Alain Afflelou para España e Portugal. E despois do coffee-break tomaron o relevo José Corral, CEO de Mapfre Vida; Julio Castro, CEO de Iberdrola Renovables; Carlos Agrelo, CEO de Grupo Agrelo; Manuel Pizarro, ex presidente de Endesa e presidente non executivo de Sanitas Seguros; e Ignacio Rivera, presidente executivo de Hijos de Rivera. A clausura correu a cargo da conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana.
























