Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

Galicia será pioneira nun sistema de almacenamento enerxético de baterías sen necesidade de ir integrado nunha planta de xeración de renovables

  • A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, remarca que a chinesa Sungrow converte a Galicia en referente en solucións de almacenamento de última xeración
  • As instalacións de Bess Sanxenxo no polígono de Nantes xa estarán operativas este verán, cunha potencia instalada e de funcionamento de 5 megavatios
  • Lorenzana incidiu en que a Xunta seguirá insistindo no carácter prioritario destas tecnoloxías, á espera da Orde do Goberno central para a creación dun mercado de capacidade no sistema eléctrico español

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou que Galicia vai ser a primeira Comunidade autónoma en poñer en funcionamento un sistema de almacenamento enerxético con baterías que funciona na modalidade stand-alone; é dicir, que opera de forma independente, sen estar integrado directamente a unha planta de xeración de enerxía renovable.

Lorenzana visitou no polígono de Nantes as instalacións do proxecto Bess Sanxenxo, que desenvolve Soner Sorolla, filial da chinesa Sungrow en España, e que se prevé que entre en servizo este mesmo verán. Nestas novas instalacións remarcou o valor estratéxico que a multinacional lle está dando a Galicia dentro dos seus plans de investimento en España en solucións de almacenamento de última xeración.

O proxecto é un dos 35 beneficiarios (o único en Galicia) da convocatoria de axudas a proxectos innovadores de almacenamento enerxético outorgado polo Instituto para a Diversificación e o Aforro da Enerxía (IDAE) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia a través dos fondos Next Generation. Obtivo unha dotación de 1,6 millóns de euros.

Ten unha potencia instalada e de funcionamento de 5 MW, cunha capacidade de almacenamento de 20 MWh. As instalacións constan de catro contedores para albergar as baterías, un transformador de potencia e unha liña subterránea (171 metros) de 20 kV ata a subestación SE Sanxenxo.

A titular de Economía e Industria sinalou que o almacenamento enerxético garante unha maior estabilidade e seguridade do sistema eléctrico e permite integrar nel a xeración producida polas renovables, de modo que se garda o excedente de enerxía xerada por fontes intermitentes como a solar ou a eólica para logo empregala cando a demanda é alta ou a produción é baixa.

MERCADO DE CAPACIDADE

Ao respecto, incidiu en que a Xunta vai seguir insistindo na necesidade de que se prioricen estas tecnoloxías e, máis, logo do ocorrido co apagamento. De feito, subliñou que a Xunta segue á espera de que o Goberno presente o texto definitivo da Orde pola que se crea un mercado de capacidade no sistema eléctrico español, que supón un avance para poder dispoñer dunha regulación e reforzar a seguridade da subministración no noso país.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia