Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

Galicia pon en marcha unha iniciativa pioneira en España que permitirá a retirada de diñeiro en efectivo nas estacións de servizo de concellos con menos de 20.000 habitantes

  • Esta medida para facer fronte ao despoboamento do rural é posible grazas a un convenio entre a Consellería de Economía e Industria, Abanca e a Federación Galega de Estacións de Servizo (Fegaes)
  • Nesta lexislatura está prevista a adhesión duns 200 establecementos, a metade dos que forman parte deste colectivo empresarial
  • Abanca dotará ás gasolineiras de terminais de puntos de venda (TPV) de última xeración para pequenas retiradas gratuítas aos clientes de tarxetas bancarias emitidas pola entidade
  • A sinatura do convenio acompáñase dunha orde de axudas da Xunta que fixa 800.000 euros para a modernización das gasolineiras e que abarca a mellora dos sistemas de pagamento, seguridade e instalación de grupos electróxenos

Os residentes en concellos do rural galego con menos de 20.000 habitantes poderán retirar diñeiro en efectivo nas estacións de servizo, grazas a un convenio de colaboración suscrito pola Consellería de Economía e Industria con Abanca e coa Federación Galega de Estacións de Servizo (Fegaes). Segundo explicou a conselleira María Jesús Lorenzana tras a sinatura do acordo, Abanca convértese na primeira entidade financeira en adherirse a esta iniciativa pioneira en España, que a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía e Industria, pon en marcha para ampliar o catálogo de servizos destes establecementos no rural e, tamén, como unha medida para facer fronte ao despoboamento.

En virtude deste convenio, explicou Lorenzana, Abanca comprométese a dotar estes establecementos de terminais de puntos de venda (TPV) de última xeración habilitados para facer pequenas retiradas de cartos de forma gratuíta a clientes de tarxetas de débito emitidas pola entidade bancaria. Estímase que a implantación desta medida nos 290 concellos galegos con menos de 20.000 habitantes alcance nesta lexislatura uns 200 establecementos, a metade dos que actualmente están adheridos á Federación Galega de Estacións de Servizo (Fegaes).

A sinatura deste convenio vai acompañada, ademais, dunha orde de axudas publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG), cunha dotación económica de 800.000 euros e que vai incidir no mesmo obxectivo de “modernizar os servizos” dos que dispoñen as gasolineiras emprazadas en concellos do rural.

Ademais de subvencionar a adquisición do equipamento necesario para poder ofertar a retirada de efectivo, tamén poderán solicitarse apoios para mellorar os sistemas de pagamento, a xestión operativa do local a través de plataformas dixitais ou a instalación de grupos electróxenos e sistemas de seguridade. As axudas máximas poden acadar ata os 30.000 euros por beneficiario.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia