Consellería de Economía e Industria
Lorenzana confía en que o Plan director do sector alimentario galego axude a impulsar a produtividade, o talento e a sustentabilidade, que identifica como “os factores clave para a competitividade económica”

- A conselleira de Economía e Industria advertiu que as tensións xeopolíticas e os problemas nas cadeas de subministración reforzan a necesidade de dispoñer de capacidades industriais propias
- “A industria que logre integrar sustentabilidade, tecnoloxía e innovación será a mellor preparada para crecer, atraer investimento e xerar emprego de calidade no futuro”, argumentou Lorenzana na presentación do Plan director sectorial
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, afirma que a produtividade, o talento e a sustentabilidade son os tres desafíos que van condicionar a competitividade da economía nos vindeiros anos. “A industria no noso país, e o sector alimentario como parte dela, atópase nunha fase de transformación acelerada, onde se mesturan as oportunidades de modernización e crecemento con importantes desafíos de competitividade, produtividade e dispoñibilidade de talento”, asegurou durante a súa intervención na xornada de presentación do Plan director do sector alimentario 2026-2028.
Lorenzana puxo de relevo como as tensións xeopolíticas e os problemas nas cadeas de subministración están reforzando a importancia de dispoñer de capacidades industriais propias. Hoxe conceptos como os da autonomía estratéxica, resiliencia e soberanía industrial están no centro das políticas europeas e españolas, dixo.
Deste xeito, destacou a importancia da tecnoloxía porque, precisou, significa máis produtividade, menos tempo, menos custos e máis valor engadido. No sector alimentario, advertiu, é imprescindible fronte á urxente necesidade de implementar prácticas que diminúan o uso de auga, enerxía e plásticos. Na súa intervención tamén subliñou que a sustentabilidade xa non é só unha exixencia ambiental: “A industria que logre integrar sustentabilidade, tecnoloxía e innovación será a mellor preparada para crecer, atraer investimento e xerar emprego de calidade no futuro”.
PERFÍS MÁIS ESPECIALIZADOS
En relación ao talento referiuse ao desafío que hoxe comparten practicamente todos os sectores industriais, que é o de poder dispoñer de persoal cualificado: “En plena era dixital, as empresas necesitan perfís cada vez máis especializados, capaces de adaptarse a contornos produtivos máis tecnolóxicos e complexos”, argumentou. Isto implica, apuntou, formación continua, así como unha política de vivenda que consiga atraer traballadores e ter un territorio atractivo para o investimento.
Neste contexto, a conselleira de Economía e Industria destacou que o Plan director do sector alimentario que a Xunta aprobou o pasado mes de xullo cun orzamento de 216 millóns de euros, busca “que o sector estea preparado para afrontar todos estes retos e que lle supoñan unha oportunidade a todas as empresas que aposten pola innovación, a tecnoloxía e por modelos de produción máis sustentables”.

























