Consellería de Economía e Industria
O presidente da Xunta defende que para paliar o problema da oferta de vivenda “a parte de protexer ao vulnerable, é preciso construír”

- Na mesa de diálogo con Imanol Pradales e con Salvador Illa, dentro do VIII Foro La Toja-Vínculo Atlántico, Rueda reivindicou a aposta do Goberno galego por construír máis vivenda pública e desenvolver solo para novos inmobles
- Precisou que Galicia terá nesta lexislatura 4.000 vivendas públicas máis, todas elas en marcha, e que xa se está desenvolvendo solo para a construción de 20.000 fogares máis a prezo social
- En referencia ao Goberno central, rexeitou que se poñan en marcha medidas que xa teñen demostrado ser ineficaces, e que ademais xeran inseguridade xurídica no mercado
- O presidente galego incidiu en que sen un financiamento xusto non haberá cohesión territorial: “Non queremos ser máis que ninguén, pero tampouco poderiamos admitir ser menos, e iso é cohesión”
- Reivindicou “a vixencia e a necesidade do Estado autonómico e a descentralización ben plantexada”, e incidiu en que manter un nivel de servizos públicos de calidade require de financiamento
Na mesa de diálogo sobre cohesión e competitividade territorial, que destacou dentro do programa do VIII Foro La Toja-Vínculo Atlántico, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reivindicou a aposta do Goberno galego por construír máis vivenda pública e desenvolver solo para levantar novos inmobles co obxectivo de ampliar a oferta a disposición da cidadanía. Participou neste acto xunto co lehendakari do Goberno vasco, Imanol Pradales, e o presidente da Generalitat de Cataluña, Salvador Illa.
Na súa intervención, Rueda rexeitou que se poñan en marcha medidas que xeran inseguridade xurídica no mercado. Ao contrario, defendeu que para paliar o problema da oferta de vivenda, a parte de protexer ao vulnerable, é preciso construír. Neste punto, lembrou que Galicia terá nesta lexislatura 4.000 vivendas públicas máis, que xa están todas en marcha, e que ao mesmo tempo se está desenvolvendo solo para a construción de 20.000 fogares máis a prezo social.
No referido ao papel das comunidades autónomas no ámbito da competitividade, o titular do Executivo galego explicou que Galicia xera ese marco a través da estabilidade política e económica. Recordou que desde o ano 2009 “Galicia aproba sempre os seus presupostos e entran en vigor o 1 de xaneiro”, facendo así mesmo mención á débeda contida, ao crecemento económico e ás cifras de emprego históricas.
Partindo desta estabilidade política e económica, Rueda falou da proxección de futuro, con novas oportunidades industriais que, no caso de Galicia, veñen favorecidas “polas novas enerxías verdes” e os recursos mineiros, apuntando que todo iso vai haber que explotalo “con sentidiño e esixindo moito respecto e cumprimento de normas”, pero advertindo que “non imos perder esas oportunidades”.
CONDICIÓNS BÁSICAS DE IGUALDADE
O presidente galego tamén fixo fincapé en que en Galicia “non queremos ser máis que ninguén pero tampouco poderiamos admitir ser menos, e iso é cohesión”, sinalando que os territorios “competiremos, pero sobre unhas condicións de igualdade básicas, e logo aí cada un coas súas habilidades e as súas capacidades”. Neste marco reivindicou “a vixencia e a necesidade do Estado autonómico e a descentralización ben plantexada”, e incidiu en que manter un nivel de servizos públicos cada vez máis de maior calidade require de financiamento.
Deste xeito, reiterou que “se non hai un financiamento xusto non haberá cohesión territorial”, recordando que o sistema proposto “sitúa a Galicia na cola, e non estabamos nesa posición”. Neste eido, Rueda rexeitou negociacións bilaterais xa que, segundo sinalou, “non podemos admitir que se se quere repartir algo se vaia repartindo por partes”.
Por outra banda, entre os retos a superar, o responsable do Executivo autonómico referiuse ás ausencias ao traballo evitables, “o que está lastrando a competitividade”, e que hai que atallar protexendo sempre “o dereito do que está enfermo”. Tamén mencionou as vacantes de postos de traballo, lembrando neste punto a aposta da Xunta pola formación e por unha inmigración ordenada.

























