Consellería de Economía e Industria
Galicia ten unha carteira de pedidos de 34 buques e lidera o ranking nacional do sector ao concentrar o 44% da demanda

- A conselleira de Economía e Industria visitou en Boiro as instalacións dos antigos Estaleiros Triñanes, agora Samala Shipyard, que considera un exemplo da capacidade do naval para diversificarse e modernizarse a través da tecnoloxía
- María Jesús Lorenzana lembrou os beneficios que aporta a aprobación do Plan director do naval, dotado con máis de 62 millóns de euros
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, visitou en Boiro (A Coruña) as instalacións dos antigos Estaleiros Triñanes, agora de nome Samala Shipyard, onde coñeceu o seu novo proxecto empresarial, que considerou un exemplo da capacidade do sector naval para diversificarse e modernizarse a través da tecnoloxía. Con novos propietarios, este emblemático estaleiro de carpintería de ribeira está ampliando as súas liñas de negocio cara a outro tipo de embarcacións, ademais das tradicionais. “É un exemplo do que é o naval en Galicia: unha industria absolutamente moderna, capaz de diversificarse, de transformase, de adaptarse coas novas tecnoloxías aos tempos actuais”, dixo a conselleira, que lembrou a aprobación do Plan director do naval, dotado con máis de 62 millóns de euros.
Estaleiros Triñanes -agora convertido en Samala Shipyard e con todo o seu cadro de persoal- traballa xa en novos produtos (embarcacións de pasaxe, de traballos portuarios ou para prácticos de porto) para ampliar mercado, pero mantendo tamén as liñas tradicionais de actividade. Para isto, a empresa realizou investimentos en tecnoloxía de ultima xeración, como escaneado 3D e ferramentas de realidade virtual.
A titular de Economía e Industria considerouno “un exemplo de transición” e de “conservación dunha industria tradicional” que leva a marca Galicia Calidade polo mundo.
Segundo datos do Ministerio de Industria e Turismo correspondentes ao primeiro semestre do ano, Galicia conta cunha carteira de pedidos de 34 buques dun total de 77 en España e, xunto con Asturias, lidera o ránking nacional.
























