Consellería de Economía e Industria
A Business Factory Energy nace co obxectivo de “unir a experiencia da industria tradicional coa axilidade mental e dixital das novas startups”

- No acto de presentación desta nova aceleradora, no CIS Galicia, o director xeral de Planificación Enerxética e Minas subliñou que BF Energy dota á Comunidade “do acelerador definitivo para converter os nosos recursos naturais en intelixencia aplicada, respecto ambiental e riqueza duradeira”
- Identificará e apoiará proxectos innovadores que den resposta aos desafíos do sector, desde a colaboración entre startups, empresas tractoras, centros tecnolóxicos e toda a cadea de valor da enerxía
O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, e a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participaron no CIS Galicia, en Ferrol, na presentación da nova Business Factory Energy (BF Energy), que permitirá impulsar a innovación empresarial en enerxía. Segundo explicou o director, coa nova aceleradora especializada impulsada pola Xunta en colaboración con Asime e Cluergal, o Goberno galego busca “unir a experiencia da nosa industria tradicional coa axilidade mental e dixital das novas startups”. Así, insistiu en que con esta nova Business Factory “buscamos impulsar centos de startups e proxectos innovadores no eido enerxético e consolidar un ecosistema empresarial cada vez máis competitivo”.
Ademais, Fernández Vila destacou o papel estratéxico da transición enerxética como unha das grandes oportunidades de desenvolvemento industrial para Galicia. Nesta liña, sinalou que a BF Energy nace co obxectivo de identificar e acelerar proxectos innovadores capaces de dar resposta aos desafíos do sector, favorecendo a colaboración entre startups, empresas tractoras, centros tecnolóxicos e o conxunto da cadea de valor da enerxía. “Nace, en definitiva, para ser a ponte segura entre o talento dos nosos emprendedores e emprendedoras e a realidade esixente do mercado global”, subliñou.
A Business Factory Energy forma parte da nova xeración de aceleradoras especializadas impulsadas polo Goberno galego para apoiar o desenvolvemento de proxectos innovadores en sectores estratéxicos, favorecer a creación de novas empresas de base tecnolóxica e reforzar a competitividade do tecido industrial galego. “Con ela, dotamos a Galicia do acelerador definitivo para converter os nosos recursos naturais en intelixencia aplicada, respecto ambiental e riqueza duradeira”, finalizou o director xeral de Planificación Enerxética e Minas no acto de presentación que tivo lugar no CIS Galicia de Ferrol.
























