Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

Lorenzana enxalza que as empresas do sector TIC teñen potencial para facer achegas á industria da seguridade e a defensa

  • Cualificou á compostelá Balidea como “unha das principais tecnolóxicas de Galicia e de España” e salientou o seu interés por sumarse ás tecnoloxías duais
  • Balidea foi unha das 52 beneficiarias da liña de axudas para certificacións (1,5 millóns de euros) que a Xunta convocou por primeira vez este ano, dentro da Estratexia de Seguridade, Defensa e Aeroespazo (Iesda)

No transcurso dunha visita ás instalacións da tecnolóxica galega Balidea, en Santiago, a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou as achegas que as empresas do sector TIC poden facer á industria da seguridade e a defensa. Lorenzana cualificou Balidea como “unha das principais empresas tecnolóxicas de Galicia e de España”, con case 25 anos de traxectoria, e que neste momento “está dando pasos” cara a estes sectores, onde este tipo de compañías están xa desenvolvendo tecnoloxías duais, abondou.

Segundo indicou, a empresa compostelá foi unha das 52 beneficiarias da liña de axudas para certificacións (1,5 M€) que a Xunta convocou por primeira vez este ano, incentivo que é unha das medidas que recolle a Estratexia de Seguridade, Defensa e Aeroespazo (Iesda) para as empresas que queiran dar o salto cara a esta industria. “Sempre dicimos que calquera empresa de sectores civís pode sumarse a esta estratexia, e Balidea é unha boa mostra”, asegurou.

A conselleira de Economía e Industria apuntou ademais que foi tamén unha empresa que concorreu ás dúas convocatorias da liña IA360. Esta última edición, que pechou en agosto, contou cun investimento público de 10 millóns de euros, e deu apoio a 97 proxectos (43 de desenvolvemento tecnolóxico e 54 de solucións IA).

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia