Consellería de Economía e Industria
O grupo chinés SAIC prevé despregar un complexo industrial da automoción no porto exterior de Ferrol, cun investimento inicial de 200 millóns

- O proxecto inclúe dúas fases que, unha vez completadas, permitirían que a planta acadase unha produción anual de 120.000 vehículos e a xeración de máis de 2.000 empregos
- O calendario da operación fixa para finais de 2026 a obtención dos permisos e autorizacións necesarios, para comezos de 2027 a construción da primeira fase da planta e para 2028 o arranque da produción
- A Xunta declarou Proxecto Industrial Estratéxico (PIE) o desenvolvemento inicial da factoría de SAIC, que será a primeira do grupo chinés en territorio da Unión Europea
- Alfonso Rueda salienta que entre os motivos polos que a compañía elixe Galicia está “a ampla tradición punteira no sector da automoción, tanto na fabricación de vehículos como de compoñentes”
- A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, remarca “a gran oportunidade económica e industrial para Ferrolterra” e para o conxunto da Comunidade, polo compromiso do grupo chinés de que gran parte dos compoñentes para os seus vehículos sexan “de fabricación local”
O Consello da Xunta declarou Proxecto Industrial Estratéxico (PIE) o desenvolvemento inicial do complexo industrial da empresa de fabricación de vehículos chinesa SAIC en Galicia. Este novo PIE inclúe a posta en marcha dunha zona industrial no porto exterior de Ferrol, que suporía a creación inicial de 1.000 postos de traballo directos e doutros tantos indirectos, e dun centro industrial e loxístico nas Pontes de García Rodríguez que permitirá a creación de 300 empregos. “Vai ser o primeiro proxecto industrial da multinacional en Europa”, salientou o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda.
Na súa intervención, explicou que, desde o primeiro momento no que a empresa mostrou interese por Galicia -en outubro de 2025-, o Goberno galego desenvolveu un intenso proceso de diálogo coa multinacional para coñecer as súas necesidades de implantación mediante reunións de traballo que culminaron coa solicitude formal de SAIC para iniciar a tramitación do que sería o seu primeiro proxecto industrial en Europa. “Celebráronse moitas reunións entre a empresa e a Xunta”, indicou Rueda, quen salientou que un dos motivos polos que SAIC elixe Galicia “é a ampla tradición, punteira, que temos no sector da automoción, tanto na fabricación de vehículos como de compoñentes”.
Pola súa banda, a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou “a gran oportunidade económica e industrial para Ferrolterra” e para o conxunto da Comunidade, logo do compromiso da compañía chinesa de que gran parte dos compoñentes para os seus vehículos “serán de fabricación local”.
Lorenzana agradeceu o traballo desenvolvido tanto polo Igape, a través da Oficina Económica de Galicia, como pola Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, en colaboración cos responsables de SAIC. No relativo aos trámites realizados, detallou que en marzo, tras un intenso traballo, a Xunta de Galicia considerou que o proxecto de investimento presentado por SAIC estaba “suficientemente maduro” para ser remitido ao Goberno central -autoridade competente para autorizar o investimento estranxeiro directo en España-, ante o que a compañía xa realizou a correspondente notificación para a súa aprobación. Neste sentido, a conselleira sinalou que a cooperación foi do máis alto nivel nas tres reunións celebradas en Madrid con representantes da multinacional e do Goberno central.
HUB INDUSTRIAL E LOXÍSTICO DE FERROLTERRA E AS PONTES
En canto ás características do complexo industrial que SAIC prevé despregar en Galicia, María Jesús Lorenzana precisou que se desenvolvería nunha parte das instalacións do Porto Exterior de Ferrol. Isto sen prexuízo de que -segundo recolle a propia compañía na súa solicitude de PIE- a intención a medio e longo prazo da firma chinesa sería converter a comarca de Ferrolterra e As Pontes nun hub industrial e loxístico, no caso de que finalmente se materialice a totalidade do proxecto. Este incluiría tecnoloxías avanzadas de fabricación e procesos clave, así como a produción local dunha elevada proporción de compoñentes en cumprimento da normativa obrigatoria da Unión Europea. Procurarase maximizar a subministración local de compoñentes sempre que sexa economicamente viable, ben mediante fabricación propia nas instalacións ou a través de provedores radicados no territorio.
As novas empresas que se queiran implantar na área de influencia desta multinacional poderían facelo en zonas da comarca, como a área empresarial de Mandiá, cuxa tramitación iniciou xa a Xunta de Galicia, así como na zona industrial das Pontes.
A operación suporá a presenza en Galicia do primeiro centro industrial e loxístico de SAIC na UE, con Ferrol e As Pontes como eixes principais do proxecto. Por outra banda, o PIE presentado pola empresa implicaría para o porto ferrolán un movemento loxístico extraordinario que dará vida a unhas instalacións aínda en desenvolvemento.
Na súa intervención tras o Consello da Xunta, a conselleira de Economía e Industria explicou que, para que o proxecto poida executarse, deberán completarse dous procedementos adicionais xunto coa tramitación do plan industrial estratéxico: por unha banda, a compañía deberá obter previamente, ou cando menos de maneira simultánea, as concesións das parcelas que pretende ocupar no Porto Exterior de Ferrol; e, por outra, ao tratarse dunha empresa non europea, deberá obter obrigatoriamente a autorización de investimento estranxeiro directo (FDI polas súas siglas en inglés) do Goberno central, outorgada polo Consello de Ministros. Polo tanto, a viabilidade continúa condicionada á obtención dos permisos e autorizacións necesarios, á realización de avaliacións económicas favorables e á existencia de apoio público.
En todo caso, precisou que a Xunta de Galicia continuará liderando todo o proceso e mantendo unha estreita colaboración con Portos do Estado, as administracións locais e o Goberno central para que o investimento poida culminar con éxito. Con este obxectivo, o Consello da Xunta asignou o “Proxecto SAIC” a unha unidade da Oficina Económica de Galicia, que liderará o apoio, seguimento e coordinación de todos os procedementos vinculados a esta operación. A unidade contará cun enxeñeiro adscrito e cun xurista especializado en investimento empresarial, entre outros perfís técnicos. Ademais de impulsar a tramitación do PIE, coordinará as actuacións cos concellos de Ferrol e As Pontes, coa autoridade portuaria e co Goberno central, co fin de garantir a coherencia de todos os procedementos e facilitar o complexo proceso administrativo que a empresa deberá afrontar a partir de agora. Trátase de dar un paso máis no liderado da Xunta a nivel nacional no que se refire á desburocratización e axilización de trámites, unha política económica clave do Goberno galego para o crecemento e a atracción empresarial.

PLANTA OPERATIVA EN 2028
Sobre os prazos de execución, Lorenzana afirmou que a intención de SAIC, segundo recolle o proxecto, suporá que a finais de 2026 debería dispor dos permisos e autorizacións necesarios para comezar a construción da primeira fase da planta de Ferrol. “A previsión sería iniciar as obras en 2027 e que a fábrica estea operativa en 2028”, indicou Alfonso Rueda.
Finalmente, a conselleira de Economía e Industria engadiu que, durante as reunións de traballo mantidas coa empresa, a Xunta ofreceu a SAIC a totalidade das zonas industriais de Galicia capaces de acoller un proxecto destas características, tanto na zona sur da comunidade -terreos na Plisan e loxísticos a través do Porto de Vigo- como diversas localizacións na zona norte, coa loxística a través dos portos da Coruña e Ferrol. Tras múltiples visitas, e baseándose na análise de apoio público e viabilidade económica, os responsables chineses teñen a intención de elixir o eixe Ferrolterra e As Pontes para implantar o seu complexo industrial en Europa porque consideraron que era a opción que mellor se axustaba ás súas necesidades.
O presidente da Xunta salientou que o investimento total previsto inicialmente ascende arredor de 200 millóns de euros, ao que haberá que engadir as correspondentes taxas portuarias polo uso industrial e loxístico das parcelas no porto exterior de Ferrol. O proxecto inclúe dúas fases que, unha vez completadas, permitirían que a planta acadase unha produción anual de 120.000 vehículos.
Dos 1.000 empregos directos previstos, aproximadamente a metade corresponderían a operacións loxísticas e a outra metade a actividades produtivas, abranguendo unha ampla variedade de perfís profesionais, entre eles enxeñeiros, operarios de montaxe, persoal loxístico, estibadores, condutores de camión, así como persoal de limpeza e seguridade, entre outros.

























