Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

A automoción galega contará cunha nova liña de axudas, por importe de 45 millóns, para apoiar ao sector na transición cara o vehículo eléctrico

  • Alfonso Rueda avanza a previsión de que a medida sexa efectiva no verán e lembra que se engloba no Plan director que conta cun orzamento de 230 millóns
  • Reclámalle ao Goberno central unha implantación realista do vehículo eléctrico e un maior compromiso cun sector clave para a economía galega
  • O presidente da Xunta enxalzou na clausura da asemblea de CEAGA o bo momento das empresas galegas da automoción, como xeradoras do 15,5% do PIB autonómico, de case 24.000 empregos e do 30% das exportacións da Comunidade

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou unha nova liña de axudas destinada á automoción e dotada con 45 millóns de euros. Esta convocatoria, que se fará efectiva previsiblemente en verán, irá dirixida a apoiar ao sector na transición cara o vehículo eléctrico e a descarbonización. Así o adiantou durante a súa participación no acto de clausura da asemblea do Clúster da Automoción e da Mobilidade de Galicia (CEAGA), no que estivo acompañado pola conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana.

O titular do Executivo galego enmarcou esta nova convocatoria no apoio decidido da Administración autonómica a un sector clave que é “unha parte moi importante da nosa economía” e que, ademais, está vivindo un gran momento “nun mundo competitivo”. Segundo sinalou, actualmente a automoción representa o 15,5% do PIB galego, xera case 24.000 empregos e representa o 30% das exportacións autonómicas.

Na súa intervención, recordou outros apoios que veu habilitando a Xunta como o Plan extraordinario de apoio á descarbonización e transición ao vehículo eléctrico, que se dotou o ano pasado con 50 millóns de euros. Ademais, o Goberno galego asinou tamén con CEAGA a posta en marcha do Plan de acompañamento e diversificación para as empresas que se atopan en dificultades polo tránsito ao vehículo eléctrico. Tal e como subliñou o presidente da Xunta, todos estes apoios englóbanse no marco do Plan director da automoción que conta cun orzamento global de 230 millóns de euros.

PLANIFICACIÓN REALISTA

Alfonso Rueda considerou necesaria a implicación do resto de Administracións, porque é tamén preciso un marco regulatorio estable e unha planificación realista na implantación do vehículo eléctrico. Ao Goberno central reclamoulle un maior compromiso con este sector, afirmando que “os fondos europeos son unha oportunidade que nunca debemos deixar pasar”.

O mandatario galego concluíu afirmando que Galicia é “un lugar no que paga a pena apostar e seguir medrando” e garantiu o compromiso por manter a boa saúde dun sector que é referente en España e en Europa, capaz de atraer novos investimentos “movéndonos con rapidez, intelixencia e eficiencia”.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia