Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

Lorenzana agradeceu na asemblea xeral de Pymar as achegas desta sociedade para elaborar o plan director do sector naval de Galicia

 

  • A conselleira avanzou que o borrador do plan sectorial galego será presentado nas vindeiras semanas e lembrou o compromiso de elaboralo nos primeiros cen días de Goberno, ao igual que o da automoción

  • A Consellería de Economía e Industria está a desenvolver en colaboración coa Consellería de Emprego, Comercio e Emigración a parte do plan relativa a formación, incorporando as necesidades que traslada a cadea de valor do sector

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, asistiu en Madrid á clausura da Asemblea Xeral de Pymar, a sociedade que integra aos principais estaleiros privados de España. Neste acto agradeceu as achegas de Pymar -colectivo que agrupa 16 estaleiros en toda España, seis deles galegos- para elaborar o plan director do sector naval de Galicia, cuxo borrador se prevé que sexa presentado nas vindeiras semanas.

Lorenzana lembrou que, xunto coa automoción, o sector naval vai ser un dos dous sectores declarados estratéxicos polo Consello da Xunta do pasado 29 de febreiro que vai contar cun borrador do seu respectivo plan director comprometidos, ambos os dous, para os primeiros cen días de Goberno.

“Trátase de traballar nas necesidades futuras que ten este sector desde o punto de vista da competitividade, da diversificación, da internacionalización e do talento humano que se precisa”, indicou a conselleira de Economía e Industria na asemblea xeral de Pymar, onde ademais fixo fincapé nos apoios concretos aos investimentos que precisan os estaleiros, ás fontes renovables e ao obxectivo da diversificación.

Do mesmo xeito, tamén se referiu ao traballo que a Consellería de Economía e Industria está a facer en colaboración coa Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para artellar a parte do plan relativa a formación de acordo ás necesidades que traslada a cadea de valor do sector.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia