Consellería de Economía e Industria
O programa do Igape para bolseiros de internacionalización especializará en comercio exterior a 50 titulados superiores para prestar apoio a pemes galegas
-
A Consellería de Economía e Industria destina máis de 3 millóns de euros a esta convocatoria, que permanecerá aberta ata o 22 de xullo e que está dirixida a menores de 35 anos
-
Esta iniciativa contribúe á capacitación profesional de novos titulados na internacionalización de empresas, á mellora da súa empregabilidade e ao desenvolvemento de proxectos de comercio exterior nas pemes galegas
-
O programa xa ten beneficiado a 400 profesionais, que colaboran na proxección internacional das empresas galegas desde mercados como Estados Unidos, Canadá, China, Australia, Corea do Sur, Filipinas e Emiratos Árabes
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o 21 de xuño unha nova convocatoria do programa de bolseiros de internacionalización, que permite aos participantes adquirir competencias profesionais en mercados exteriores na procura de seguir a mellorar as vendas internacionais do tecido empresarial galego. Desta volta, a iniciativa, impulsada pola Consellería de Economía e Industria a través do Igape, destina máis de 3 millóns de euros para fortalecer a especialización en comercio exterior de 50 mozas e mozos galegos.
A convocatoria, cuxo prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o 22 de xullo, vai dirixida a persoas menores de 35 anos, con titulación universitaria superior. O obxectivo é achegar formación práctica en internacionalización que se poderá levar a cabo no estranxeiro e/ou en Galicia, en entidades e organismos oficiais relacionados coa internacionalización empresarial.
Os países nos que os seleccionados completarán a súa formación no estranxeiro inclúen novos mercados internacionais, algúns deles de interese estratéxico para o tecido empresarial galego. Así, os bolseiros terán como posibles destinos, entre outros, Bogotá, Casablanca, Chicago, Dubai, Dusseldorf, Johannesburgo, Kuala Lumpur, Lima, México, Miami, Montevideo, Oslo, Ottawa, Roma, Seúl, Singapur, Tokio, Varsovia ou Yakarta.
Deste xeito, a iniciativa contribúe á capacitación profesional de novos titulados na internacionalización de empresas, á mellora da súa empregabilidade para facilitar o seu acceso ao mercado laboral e ao desenvolvemento de proxectos de internacionalización das pemes galegas nos que colaborarán os bolseiros achegando os seus coñecementos ao tempo que reforzan a súa formación práctica.
A programación das bolsas abrangue o estudo dos sectores máis importantes dos mercados estranxeiros, a análise das oportunidades e debilidades dos sectores estratéxicos galegos en relación coa súa internacionalización e o estudo das formas de introdución das empresas nos mercados internacionais, contando para a aprendizaxe co apoio de titores tanto nas estadías no estranxeiro como en Galicia.
Este programa facilitou desde a súa posta en marcha a capacitación de 400 novos titulados galegos, que se especializaron en comercio exterior mentres colaboraron coa internacionalización das empresas de Galicia desde mercados tan dispares como Filipinas, Canadá, Estados Unidos, China, Australia, Corea do Sur ou Emiratos Árabe, entre outros.
A iniciativa inclúese na Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2021-2025 que está a promover a Xunta para contribuír ao incremento da competitividade exterior das empresas galegas, que durante o ano pasado acadaron rexistros históricos en exportacións, ao superar a barreira dos 30.000 millóns, e que este ano se manteñen en números similares durante o primeiro trimestre.