Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

A Xunta destaca que a madeira certificada coa marca de garantía Pino de Galicia achega valor diferencial ás empresas de carpintería e deseño de mobiliario

  • O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández Ríos, visitou na Estrada a firma Tec-Model, unha das beneficiarias do programa de axudas para a valorización de produtos en madeira
  • A convocatoria de apoios deste ano ten un orzamento de 4,4 millóns de euros e o prazo para a solicitude das axudas rematará o 1 de agosto
  • Fernández Ríos enxalza a importancia da trazabilidade de orixe na industria da madeira e lembra que a convocatoria actual contempla unha liña para dixitalización e outra para certificar a calidade e xestión ambiental

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández Ríos, salientou que a madeira de piñeiro galego, certificada coa marca de garantía Pino de Galicia, achega un valor diferencial ás empresas dedicadas á carpintería e o deseño de mobiliario. Fernández Ríos visitou na Estrada (Pontevedra) as instalacións de Tec-Model, unha empresa dedicada á fabricación de mobles e á instalación e mecanizado de diferentes obxectos en madeira que, dixo, “aposta pola calidade excepcional do piñeiro galego como a mellor credencial do valor que teñen os seus produtos”.

Tec-Model resultou beneficiaria o pasado ano do programa de axudas da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) para a valorización de produtos en madeira, destinada, fundamentalmente, a empresas de segunda transformación e, tamén, do contract. Unha axuda que a esta industria lle permitiu instalar unha nova liña de cepillado e moldurado da madeira cun investimento total de 65.000 euros que a Xunta subvencionou con máis de 32.000 euros.

Na visita, o director da Xera puxo de manifesto a importancia da trazabilidade de orixe na industria da madeira e lembrou que, con este motivo, este paquete de axudas convocado recentemente contempla unha liña específica para dixitalización e, outra, para certificacións e informes de calidade e xestión ambiental. Trátase dunha convocatoria de apoios que este ano conta cun orzamento de 4,4 millóns de euros e que, concluíu, aínda se poden solicitar ata o vindeiro 1 de agosto.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia