Consellería de Economía e Industria
Rueda salienta na gala anual dos empresarios galegos de Cataluña que a colectividade do exterior é clave para construír “unha Galicia máis aberta e competitiva”

- Participou en Barcelona na vixésima edición da Cea de AEGA-CAT, na que foron premiados Iago Aspas e o Real Club Celta de Vigo, Juan Enrique Domínguez-Muñoz, Amancio Prada, Antonio Parente, María Rey e Francisco Botas
- Alfonso Rueda defendeu a aposta da Xunta por unha Galicia moderna, aberta ao mundo e con políticas activas para reter, recuperar e atraer talento
- Ademais reivindicou o xeito galego de traballar como exemplo de desenvolvemento baseado na autenticidade, no impacto positivo e na procura da excelencia
- O presidente da Xunta anunciou que o Goberno galego xa traballa na nova Estratexia de Internacionalización 2026-2030, orientada a seguir diversificando mercados, mitigar riscos e impulsar a presenza exterior do tecido empresarial galego

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou na vixésima edición da Cea de Empresarios Galegos de Cataluña, organizada pola asociación AEGA-CAT, onde puxo en valor a contribución da colectividade galega que reside fóra da Comunidade como un dos activos máis valiosos para construír unha Galicia máis aberta, competitiva e internacionalizada. Durante o evento, celebrado en Barcelona, o titular do Goberno galego trasladou o seu recoñecemento á organización polo seu labor, así como aos galegos e galegas premiados nesta edición, cuxas traxectorias son, segundo destacou, exemplo da calidade, o esforzo e a creatividade que identifican a marca Galicia no mundo.
Na vixésima edición da Cena de Gala anual de AEGA-CAT foron distinguidos cos Títulos de Excelencia Galega: Juan Enrique Domínguez-Muñoz, na categoría de Ciencias e Medicina; Iago Aspas e o Real Club Celta de Vigo, en Deportes; Amancio Prada, nas Artes; Antonio Parente, na categoría de Empresa; María Rey, en Comunicación; e Francisco Botas, en Finanzas. Ademais o colectivo dos empresarios galegos de Cataluña concedeu un título extraordinario ao Parlamento de Galicia, galardón que foi recollido polo presidente da institución, Miguel Ángel Santalices.

AUTENTICIDADE E EXCELENCIA GALEGA
Alfonso Rueda subliñou que os galardóns entregados, a vixésima edición dos Títulos de Excelencia Galega, representan nunha Galicia viva, con capacidade para proxectarse e liderar fóra das súas fronteiras. Neste senso, destacou o xeito galego de traballar como exemplo de desenvolvemento baseado na autenticidade, no impacto positivo e na procura da excelencia.
O titular do Goberno galego tamén puxo de relevo o papel de AEGA-CAT como ponte entre Galicia e Cataluña, non só en termos humanos, senón tamén empresariais, culturais e sociais. Insistiu en que Galicia non é só lembranza do pasado, senón forza de futuro, e que a cooperación cos galegos que están fóra é fundamental para avanzar cara unha Comunidade máis global e ambiciosa.
Rueda defendeu a aposta da Xunta por unha Galicia moderna, aberta ao mundo e con políticas activas para reter, recuperar e atraer talento. Referiuse á Estratexia Galicia Retorna como exemplo do compromiso institucional para facilitar o regreso das galegas e galegos no exterior, ofrecéndolles oportunidades de emprego, formación, emprendemento e acceso á vivenda.
Ademais, salientou os datos récord nas exportacións, que por primeira vez superaron os 31.000 millóns de euros, e o número de empresas exportadoras, que xa supera as 9.300. Neste contexto, anunciou que o Goberno galego xa traballa na nova Estratexia de Internacionalización 2026-2030, coa que se pretende seguir diversificando mercados, mitigando riscos e impulsando a presenza exterior do tecido empresarial galego.
O presidente da Xunta concluíu a súa intervención destacando que a diáspora galega é o mellor escaparate da Comunidade no exterior, e reafirmou o compromiso da Xunta para seguir camiñando ao seu carón na construción dunha Galicia transformadora e con vocación global.


























