Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

A Xunta convoca axudas por 3 millóns de euros para impulsar a competitividade dos parques empresariais de Galicia

  • A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, salienta que estes incentivos teñen como obxectivo modernizar instalacións e servizos “para favorecer a fixación e implantación de compañías e promover o emprego local”
  • Esta liña de apoios cobre o 80% -cun límite máximo de 120.000 euros- das melloras en iluminación pública eficiente, plantas de depuración, xestión de residuos, infraestruturas viarias ou servizos centralizados de subministración de gas e hidróxeno verde
  • No transcurso dunha visita ao parque de Sigüeiro, en Oroso, Lorenzana remarcou o compromiso da Xunta co tecido empresarial e apelou a seguir colaborando e traballando xunto cos concellos “para fixar industria e atraer novos investimentos”

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, anuncia unha nova convocatoria de axudas por importe de 3 millóns de euros para mellorar as infraestruturas dos parques empresariais galegos. No transcurso dunha visita ao parque empresarial de Sigüeiro no municipio de Oroso, que foi receptor o ano pasado de arredor de 100.000 euros para a mellora de infraestruturas viarias no marco desta liña de apoios, a titular de Economía e Industria salientou que estes incentivos “contribúen á modernización e á competitividade dos polígonos industriais e facilitan que as empresas dispoñan dos servizos e infraestruturas que necesitan para levar a cabo a súa actividade”, remarcou. Neste sentido, engadiu que “queremos dar resposta ás novas necesidades que teñen estas instalacións para modernizalas e ofrecer un mellor servizo para favorecer a fixación e implantación de compañías e promover o emprego local”.

A conselleira tamén insistiu no compromiso do Goberno galego co tecido empresarial da Comunidade e apelou a seguir colaborando e traballando xunto cos concellos para “fixar industria e atraer novos investimentos”, destacou.

O Diario Oficial de Galicia ven de publicar (7 de febreiro de 2025) esta convocatoria que se manterá aberta ata o vindeiro 7 de marzo. Os apoios son de concorrencia competitiva e están dirixidos aos concellos galegos que queiran realizar melloras relativas á implantación de iluminación pública eficiente, plantas de depuración de auga, xestión de residuos, infraestruturas viarias, así como servizos centralizados de subministración de gas e hidróxeno verde.

As axudas teñen unha intensidade do 80% ata un límite máximo de 120.000 euros nos caso de solicitudes individuais e de 138.000 no caso de que sexan conxuntas. Prevense, ademais, anticipos de ata o 25% da axuda concedida.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia